Meigas fóra! San Xoán cumpre coa súa tradición nunha noite máxica de lume, sardiñas... e celebración

Pontevedra
24 de xuño 2023

Centos de cacharelas iluminaron na comarca a noite máis curta do ano, un San Xoán multitudinario como os de outrora especialmente ao coincidir en plena fin de semana. Na capital, destacou a recuperación do 'lumeiro' máis concorrido do casco urbano, o da Asociación de Veciños de Eduardo Pondal

Cacharela de San Xoán da Asociación de Veciños Eduardo Pondal
Cacharela de San Xoán da Asociación de Veciños Eduardo Pondal / Mónica Patxot

Non quedou meigallo por espantar na comarca de Pontevedra, tras a celebración dunha noite máxica de San Xoán.

Centos de fogueiras iluminaron a noite máis curta do ano a partir das 0.00 horas para gritar ben alto meigas fóra! e celebrar entre lume e cheiro a sardiñas asadas.

Ao coincidir en fin de semana, este San Xoán foi multitudinario como os de outrora, e é que ninguén quería quedar sen protección ante o mal de ollo.

Só na cidade de Pontevedra foron ata 142 os permisos solicitados para realizar fogueiras, a maioría en domicilios e leiras privadas, pero tamén moitas outras foron comunitarias como as organizadas por asociacións de veciños e culturais como O Crabadoiro de Santo André de Xeve, a Recreativa de Xeve, Salcedo-Norte, Cultural e Deportiva de Mourente e Cultural da Piolla. 

A destacar ademais a recuperación cinco anos despois a fogueira organizada pola Asociación de Veciños Eduardo Pondal, a maior das que se celebran no centro urbano.

En Marín pola súa banda eran 138 os permisos solicitados, estando prohibido acender lume nas praias e con lumeiros públicos en Cantodarea (Praza do Regueiro), Searas (Loira), Casal (San Xulián), Lavadoiro de Loira, pista da Virxe do Carme (Barriada de Suboficiais), baixada ao pavillón do Sequelo, A Grela (San Xulián), contorna do Cemiterio de Mogor, Souto da Moreira (San Xulián) e na subida ao Lavadoiro da Grela (San Xulián).

XORNADA DE FESTA EN POIO

No Concello de Poio, a véspera de San Xoán é se cabe máis especial se cabe como cada ano ao entrar de cheo nas súas festas patronais. Por iso ademais das fogueiras particulares destacada a sardiñada organizada na Seca, con prezos populares, previa á verbena da Orquestra Marbella e á gran cacharela habilitada na Seca.

SANXENXO, NAS PRAIAS

Os areais foron protagonistas do San Xoán en Sanxenxo, onde se tramitaron un total de 231 permisos. Dese total, 13 prevíanse realizar en Caneliñas, 12 en Silgar, 1 en Panadeira e outros 9 en diversos espazos públicos.

Tamén en Vilagarcía concedéronse 21 permisos para facer fuergo nos areais da Concha, Compostela e A Covacha, en Carril.