Até 4.000 euros en premios destinará o goberno municipal de Sanxenxo a unha nova edición, a terceira, do concurso de iluminación 'Deslumbra co teu Nadal'.
A actividade organizada desde o departamento de Cultura e Eventos, dirixido por Elena Torres, en colaboración con Entretendas, volve apostar este ano por esta actividade para incentivar o ambiente do Nadal nas rúas do municipio.
Haberá tres categorías a concurso.
Por unha banda, os escaparates e fachadas dos establecementos comerciais optarán a tres premios de 1.000, 750 e 500 euros, mentres que para a decoración exterior das vivendas haberá outro tres de 500, 300 e 200 euros.
Un premio único de 750 euros recoñecerá a decoración de rúas, barrios, prazas ou edificios colectivos en comunidade.
Os participantes poderán inscribirse entre o 24 de novembro e o 9 de decembro.
A decoración, que terá que estar colocada o 5 de decembro, deberá manterse até o 6 de xaneiro, segundo recollen as bases.
O xurado valorará a iluminación con até dez puntos, a orixinalidade e o deseño con até cinco puntos e o fomento de valores locais, contido didáctico do proxecto e o coidado do medio ambiente con utilización de materiais ecolóxicos, con até tres puntos.
Antes do 19 de decembro, os participantes terán que enviar fotos e vídeos dos seus escaparates, establecementos ou vivendas ao correo [email protected] para poder ser valorados polo xurado e promocionados nas redes sociais do Concello de Sanxenxo.
O fallo darase a coñecer o 6 de xaneiro durante o concerto de Reis da Banda de Música de Sanxenxo no auditorio Emilia Pardo Bazán.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.