Mellora de pavimentacións na parroquia de Lamas, en Moraña, para aumentar a seguridade viaria

Umia
30 de novembro 2021

Investíronse máis de 65.600 euros, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra con actuacións naqueles camiños que presentaban peor estado de mantemento para a circulación de vehículos

Novo asfaltado nunha estrada da parroquia de Santa Cruz de Lamas
Novo asfaltado nunha estrada da parroquia de Santa Cruz de Lamas / Concello de Moraña

Os núcleos rurais de O Souto, a Aldea da Fonte e o camiño que une o polígono industrial de Afieiras co núcleo de Grixó, ademais do que se dirixe desde Aldea da Fonte ata a estrada provincial conectando co lugar da Igrexa xa se atopan con nova pavimentación. Todos estes puntos atópanse na parroquia de Santa Cruz de Lamas.

O Concello de Moraña recoñece que estes camiños atopábanse en moi mal estado de conservación. Presentaban un asfaltado deficiente e foi necesario unha intervención de mellora, que garanta a seguridade viaria. Ao mesmo tempo que se asfaltou tamén se limparon as cunetas das dúas marxes das estradas.

A cantidade investida nesta actuación ascende a 65.669 euros, IVE incluído, sufragada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, segundo indica o goberno local de Moraña.