O Concello de Moraña adxudicará a vindeira semana a humanización da Rúa 7, que terá prioridade peonil

Umia
05 de xaneiro 2022

O obxectivo da obra é renovar todo o pavimento da calzada e habilitar plataforma única só nos accesos aos centros educativos, para así eliminar as barreiras arquitectónicas destas entradas. A zona terá prioridade peonil. O proxecto suporá un investimento de 140.693,68 euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación 

Rúa 7 de Moraña
Rúa 7 de Moraña / Concello de Moraña

O Concello de Moraña impulsa un proxecto de humanización da Rúa 7. O alcalde, José Cela, adiantou que o proxecto xa estivo en licitación e será adxudicado a próxima semana.

A Rúa 7 ten un elevado uso residencial e alberga algunhas das instalacións públicas máis relevantes: o colexio CPI Santa Lucía, a gardería municipal, dous pavillóns e o campo de fútbol do Buelo.

Nos últimos anos xa se realizaron actuacións de mellora nestes espazos, entre elas, a ampliación das beirarrúas e a construción dunha pista multideporte e un circuíto de pumptrack. Agora, este proxecto busca unha mellor mobilidade urbana.

Será, segundo o alcalde, o "paso definitivo" para mellorar de xeito integral esta rúa, actuando no seu pavimento e mellorando os espazos para os peóns.

O obxectivo da obra é renovar todo o pavimento da calzada e habilitar plataforma única nos accesos aos centros educativos, para así eliminar as barreiras arquitectónicas destas entradas.

A zona terá prioridade peonil e mellorará a mobilidade e a accesibilidade desde o cruce da Rúa 7 coa PO-221 ata o final do tramo, antes da rotonda do campo de fútbol. A superficie total sobre a que se actuará é de 7.233 metros cadrados. Tamén se renovará o pavimento nas Rúas 15, 16 e 17.

Este proxecto suporá un investimento de 140.693,68 euros (IVE incluído), que se investirán con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e o prazo de execución será de 3 meses.