A Rúa 7 de Moraña estrea nova imaxe coa renovación do seu pavimento

Umia
19 de abril 2022

O alcalde, José Cela, visitou recentemente o remate das obras, á falta da creación de dous pasos elevados con plataforma única para dar acceso sen barreiras aos centros educativos, que se executarán cando remate o curso escolar.

Obras de humanización da Rúa 7
Obras de humanización da Rúa 7 / Concello de Moraña

O alcalde de Moraña, José Cela, visitou recentemente as obras de humanización e pavimentación da Rúa 7, que avanzou nos traballos nestas últimas semanas e que xa loce o seu novo pavimento.

Agora, tal e como indicou o alcalde, “iniciarán os labores de pintado da sinalización horizontal de tráfico e das marcas e despois faltará crear a plataforma única elevada nos accesos ao colexio CPI Santa Lucía e á gardería municipal”. Este traballo require o corte ao tráfico dos viais, polo que para evitar ao máximo o trastorno que pode supoñer para a actividade lectiva, “levarase a cabo cando remate o curso e se inicien as vacacións do verán”.

A Rúa 7, ademais do seu elevado uso residencial, xa que experimentou un importante crecemento edificatorio nos últimos 15 anos, alberga algunhas das instalacións públicas máis relevantes: os centros educativos antes mencionados, dous pavillóns e o campo de fútbol do Buelo.

De feito, xa se levaron a cabo nos últimos anos actuacións de mellora nestes espazos, así como a ampliación das beirarrúas e a construción dunha pista multideporte e un circuíto de pumptrack.

A superficie total sobre a que se actuou foi de 7.233 metros cadrados. Ademais, tamén se renovará o pavimento nas Rúas 15, 16 e 17.

A inversión que se realizou neste proxecto de mellora é de 140.700 euros, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Cela recalcou “a necesidade que temos de facer inversións para converter o noso casco urbano nun espazo máis cómodo para os veciños, no que minimicemos o risco de tráfico e que permita aos habitantes de Moraña desfrutar das súas rúas, con comodidade e seguridade”.