O Concello de Moraña vén de adxudicar un proxecto para pavimentar e acometer obras de execución da rede de saneamento nos lugares de Chaián y A Penagrande, na parroquia de Laxe.
O alcalde, José Cela, achegouse até o lugar para falar coa veciñanza da zona.
A necesidade de acometer estes traballos vén xustificada polo deterioro que sufriu o pavimento na Penagrande polo paso do tempo. "Con esta obra, seguimos apostando por mellorar as nosas infraestruturas viarias, conseguindo máis seguridade e comodidade", asegurou o rexedor.
No que respecta ao saneamento, actuarase na zona de Chaián, na tubaxe que transcorre paralela á estrada provincial EP-8020.
O orzamento global da obra ascenderá a máis de 45.000 euros e está previsto que se dea comezo con ela a partir da próxima semana. O prazo de execución será de tres meses.