A praia de Mogor convertíase na mañá deste luns no recinto natural para realizar probas físicas para aquelas persoas que aspiran a ocupar os 21 postos de socorrismo que ofrece o Concello de Marín para garantir a seguridade dos bañistas durante os meses de verán deste ano nos areais.
Cristina Acuña, concelleira de Turismo, acuía ata a praia para comprobar o desenvolvemento destas probas ás que se presentaban 36 aspirantes e que, segundo o goberno local, se trata dunha boa cifra de participación.
Cada aspirante tivo que realizar unha proba de 250 metros de natación libre e unha carreira de 100 metros pola area de Mogor. Tras esta primeira fase, os aspirantes realizaron un exame teórico centrado na resolución dun cuestionario tipo test con 20 preguntas. Ademais dos traballos de socorristas tamén se ofertan tres prazas de patrón e unha de coordinador.
A concelleira sinala que estes servizos de socorrismo axudan a que as praias do municipio teñan un alto nivel de consideración entre a cidadanía e conten con Bandeira Azul. Este verán volverán estar dispoñibles os lavapés e as duchas.
Tamén se realizou a roza de maleza no Vial das praias e a limpeza de todos os areais. Non se repoñerán as papeleiras e, en cambio, reforzarase a presenza de contedores de recollida selectiva de lixo.