Menos prohibir e máis educar, as mocidades do BNG recrimínanlle ás do PP polo botellón

Pontevedra
18 de novembro 2016

Na polémica suscitada pola presencia de menores consumindo alcohol nos botellóns terciaron esta semana os representantes de Novas Xeracións do Partido Popular pedindo un control no acceso ao botellódromo do recinto feiral de Pontevedra, e agora contestan dende Galiza Nova recriminándolles menos prohibicións e máis educación

Botellón na rúa
Botellón na rúa / Mónica Patxot

Na polémica suscitada pola presencia de menores consumindo alcohol nos botellóns terciaron esta semana os representantes de Novas Xeracións do Partido Popular, pedindo un control no acceso ao botellódromo do recinto feiral de Pontevedra, e agora contestan dende Galiza Nova recriminándolles menos prohibicións e máis educación.

As mocidades do BNG consideran prioritario "defender e favorecer o ensino público galego e políticas laborais de integración social fronte ás políticas prohibicionistas do PP".

Os voceiros de Galiza Nova afirman que dende a chegada de Núñez Feijóo á Xunta, "foron desaparecendo as políticas de lecer xuvenís, deixando sen alternativas de ocio a meirande parte da mocidade, no que ten a ver co nocturno", afirmou Alberte Fernández, responsable da comarca de Pontevedra.

É por isto, polo que Galiza Nova considera "hipócrita" a posición de Novas Xeracións a respecto do botellón en Pontevedra.

Galiza Nova lamenta que a organización xuvenil do Partido Popular "non se teña preocupado en igual maneira" pola desaparición do servizo Noitebus, que conectaba os diferentes puntos do ocio xuvenil e que "era tamén unha forma de salvar vidas no ocio nocturno".

Ademais, dende a organización xuvenil nacionalista, amósanse en contra das "políticas criminalizadoras e prohibicionistas do PP" cara a mocidade, xa que "pretenden prohibir o paso das persoas ao recinto feiral en función da hora, independentemente de se están consumindo alcol ou non".

Dende Galiza Nova aconséllanlles que "se tan preocupadas están pola mocidade, que revertan as políticas que levaron a cabo os seus compañeiros de partido, forzando á mocidade galega ao desemprego, a emigración, a precariedade...".  Por iso solicitan a derrogación da LOMCE e a implantación de políticas de inclusión, educación en valores, políticas de lecer e saúde "no canto de multas e prohibicións".