Menús especiais para pacientes e persoal sanitario nos hospitais estas festas

Pontevedra
17 de decembro 2025

Un esforzo silencioso dos servizos de hostalaría sanitaria que resulta esencial para que, aínda lonxe de casa, pacientes e profesionais poidan vivir estas datas da mellor maneira posible

Servizo de cociña do Hospital Montecelo Sergas

Como cada ano, cando se achegan as datas máis entrañables do calendario, as cociñas dos hospitais Montecelo e Provincial ponse ao choio para que o Nadal chegue tamén a quen deben pasar estas xornadas ingresados ou de garda.

Os servizos de Hostalaría sanitaria xa teñen listos os menús especiais cos que acompañarán a Noiteboa, o Nadal, a Noitevella, o Ano Novo e o Día de Reis nos centros do Sistema Sanitario Público.

No Hospital Montecelo, a cea de Noiteboa comezará cunha crema de marisco, lagostinos ao vapor e bacallau con allada e coliflor, rematados cun surtido de doces do Nadal. O día de Nadal, a comida incluirá crema de ave con picatostes, salpicón de marisco e xarrete estofado con pataca panadeira e verduriñas, con tronco de Nadal ou piña natural como sobremesa.

A noite de Fin de Ano tampouco faltará á cita gastronómica, con gambón a dúas salsas, crema de espárragos trigueiros, rape con ameixas, surtido de doces do Nadal e, por suposto, as tradicionais doce uvas. Para recibir o Ano Novo, servirase sopa de ave con tropezóns, vieira ao forno e bitokes de tenreira con patacas 'puentenuevo' e cogumelos, seguidos de torta de xema ou macedonia de froitas natural. O broche final chegará o Día de Reis, con sopa reina de tenreira, froitos do mar no seu mollo, pavo de Reis con pataca asada e pemento ao forno, e pera en mollo de laranxa e canela como sobremesa.

Detrás de cada un destes menús hai unha complexa organización que se adianta quenda a quenda para garantir que os pratos poidan elaborarse a tempo e coa máxima calidade. As cociñas hospitalarias son espazos de intensa actividade diaria, onde técnicos en dietética e nutrición, persoal administrativo, gobernantas, piques e cociñeiros traballan de forma coordinado co obxectivo común de que a alimentación sexa un aliado máis na recuperación dos pacientes.

Cada bandexa servida é o resultado dunha coidadosa planificación. Os menús buscan ser equilibrados, con baixo contido graxo, cantidades axeitadas e un emplatado coidado, sempre con produtos saudables tanto para pacientes como para o persoal sanitario de garda. Antes de chegar á cociña, cada alimento pasa por unha revisión exhaustiva de hidratos de carbono, lípidos e proteínas, supervisada polo equipo de Dietética e Nutrición.

Así, mesmo en Nadal, os hospitais públicos ofrecen unha alimentación variada e equilibrada, con peixes e carnes magras, evitando ultraprocesados, moderando o achegue calórico e fomentando o consumo de verduras e froitas.