Os mercados de segunda man e troco chegan á Parda e O Gorgullón

Pontevedra
21 de outubro 2025
Actualizado: 20:49

A idea é sacar á rúa todo aquilo que xa non usas pero que aínda está en bo estado para vendelo ou intercambialo nun ambiente festivo, familiar e aberto a toda a veciñanza

"Mercadillo" de antigüidades na rúa Serra
"Mercadillo" de antigüidades na rúa Serra / Diego Torrado

Os barrios da Parda e O Gorgullón prepáranse para acoller unha proposta tan útil como divertida: mercados de segunda man e troco ao estilo anglosaxón.

Baixo o nome Segundo Premio, esta iniciativa chega da man do programa municipal A pé de rúa, impulsado pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías.

A idea é sacar á rúa todo aquilo que xa non usas pero que aínda está en bo estado -roupa, mobles, xoguetes, libros...- para vendelo ou intercambialo nun ambiente festivo, familiar e aberto a todo a veciñanza.

Organizáronse dúas experiencia piloto: o 15 de novembro no barrio da Parda e o 29 de novembro no barrio do Gorgullón (ambos os sábados, de 11:00 a 16:00 horas).

Pero non só haberá postos xa que os mercadillos tamén estarán animados con obradoiros infantís, actividades para toda a familia e unha animada sesión vermú, coa intención de que a xornada sexa tamén unha escusa para compartir tempo e espazo cos veciños.

A lema déixao claro: "O que menos contamina é o que non tiras".

Esta proposta busca algo máis que facilitar compras e vendas pois pretende fomentar un consumo responsable, dar vida aos espazos públicos e pór en valor a reparación, reutilización e o comercio local.

"Todas temos cousas en casa que xa non usamos e que poden ter unha segunda vida. Queremos facilitar ese cambio ou venda e promover un modelo de cidade máis sostible", explicou a concelleira.

Calquera particular pode sumarse, ademais de asociacións e comercios especializados en segunda man. Para participar, só hai que enviar un correo a [email protected] indicando os teus datos persoais.

Non é necesario ser autónomo nin ter un negocio, pero si se requirirá asinar unha declaración responsable como vendedor, similar ao funcionamento de plataformas como Wallapop ou Vinted.

Ademais, nos próximos días, Anabel Gulías reunirase con asociacións veciñais para perfilar detalles e asegurar que todo estea a punto para estas xornadas que combinan consumo consciente, vida de barrio e bo ambiente.