Ofrecer as ferramentas para que as persoas que estean en busca activa de emprego poidan poñerse en contacto con empresas que ofrezan traballo.
Ese será o obxectivo principal da iniciativa Ponte ao Choio, que o goberno municipal recupera, agora en formato feira, para converter o mercado de abastos nun foco de emprego e emprendemento.
Así o destacou a edil responsable da área de promoción económica, Anabel Gulías, que informou que este evento estará dous días, o 27 e o 28 de novembro, no primeiro andar do mercado. Será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Para Gulías, impulsar unha feira como esta é "interesante" porque se trata de "conectar recursos" para fomentar a empregabilidade na cidade de Pontevedra.
Ponte ao Choio xorde da colaboración entre tres persoas emprendedoras de Pontevedra, Bea Císcar, Noela Quintana e Damián Pazos, e incluirá, entre outras actividades, coloquios sobre o emprego da intelixencia artificial na procura de emprego ou no emprendemento.
Haberá ademais obradoiros de mellora de empregabilidade e de asesoramento curricular, vídeocurrículo e fotografía para currículo "para facer esa primeira entrada nas empresas" ou charlas que darán claves para que unha entrevista de traballo sexa exitosa.
A oferta completarase cun espazo para recursos de formación, orientación profesional, preparación para procesos de selección e acompañamento a emprendedores e persoas desempregadas.
"Creo que é unha idea moi acertada, complementar as habilidades, traballar en novos formatos que xa nos poden quedar un pouco desfasados e, sobre todo, que sexa un espazo de encontro para comentar, crear ou tecer redes e sinerxías", resumiu a responsable municipal.
A feira irá acompañada, nos días previos, da publicación de diferentes videos nos que máis dunha vintena de empresas da cidade ofrecerán "mensaxes motivadoras" relacionadas co emprendemento "para animar a quen queira tomar ese camiño".
A participación nas actividades será gratuíta e as persoas interesadas poden consultar toda a información e inscribirse na páxina web oficial https://ponteaochoio.eu/.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.