Etiqueta Negra, unha feira "clavada no ADN" de Pontevedra que supón un "punto de encontro co saber facer"

Pontevedra
28 de outubro 2025

O Carlos Oroza volverá ser protagonista coa lema "locavore", utilizado para referirse a aquelas persoas que buscan o consumo de produtos de proximidade e que apostan pola sustentabilidade

Presentación de Etiqueta Negra 2025
Presentación de Etiqueta Negra 2025 / PontevedraViva

Conta atrás para o regreso de Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego que celebra a súa novena edición os días 8, 9 e 10 de novembro no recinto feiral.

Tras o avance da cita realizado a semana pasada, este martes realizouse no Teatro Principal a presentación oficial da cita, unha feira da que a concelleira de promoción económica de Pontevedra, Anabel Gulías, destaca que está "clavada no ADN ds nosa cidade".

A cita, que este ano ten por lema 'Compartindo o noso', tende pontes durante tres días entre produtores, distribuidores, cociñeiros e consumidores, a modo de escaparate do talento e a innovación do sector en Galicia.

"Tradición e innovación danse a man para mostrar o mellor da nosa terra", defendeu Luz Pérez, presentadora do acto, no que se deu un avance da programación.

Participantes xa imprescindibles da feira son alumnado e profesorado de curso de FP de toda Galicia e este ano espérase a un millón. Ademais, o CIFP Carlos Oroza terá, como é habitual, unha participación especial nun evento "moi querido" para eles ao que non faltaron ningunha edición.

Eva Lage, xefa de estudos do centro, destaca que a participación do alumnado en degustacións ou cuestións organizativas permítelle "ter a oportunidade de aprender en contexto real, conectar co sector produtivo e comprender o valor do traballo artesán e a importancia do territorio e dos produtos de proximidade".

Este ano, terán un posto coa lema "locavore", utilizado para referirse a aquelas persoas que buscan o consumo de produtos de proximidade e que apostan pola sustentabilidade, en "coherencia coa formación de profesionais comprometidos co territorio e coa sostenibilidade".

Lage agradece estar un ano máis e esta cita, pois "Etiqueta Negra é moito máis que unha feira, é un punto de encontro co talento, co saber facer, coa paixón que lle poñen os nosos produtores aos seus produtos" e é tamén unha mostra de que "cando a educación, a empresa e ou territorio camiñan xuntos, avanzamos todos cun paso firme".

Anabel Gulías lembrou ese vínculo de Etiqueta Negra por Pontevedra, polo que non deixaron de apostar en nove anos, e destacou que esta feira é unha aposta "pola modernidade, pola innovación e por formar parte dun entramado económico e industrial que cada día avanza máis". De feito, sinalou que o sector primario xera máis de 40.000 empregos directos e indirectos na provincia.

O programa deste 2025 estará, segundo Gulías "cheo de persoas que aman o produto e que fan del o seu xeito de vida". Unha desas persoas é o chef pontevedrés Iñaki Bretal, de O Eirado da Leña, que abrirá o evento o día 8 cunha proposta centrada en produtos da provincia de Pontevedra.

O propio chef destacaó que en Pontevedra e en Galicia en xeral "levamos co tema gourmet desde que Galicia é Galicia, o que pasa é que agora parece que se pon tanto en valor que parecen cousas novas", pero, para el, a innovación chegará cando se volva á tradición. "Cociñar en Galicia é moi fácil", destacou, pois só é necesario darlle "un pequeno toque" aos produtos que xa existen e se elaboran.

O domingo 9 haberá "un cadro de persoal de luxo", coa chef santiaguesa Lucía Freitas, de A Tafona, que presentará o proxecto Amas da Terra, inspirado nas mulleres e a súa importancia na gastronomía galega.

Tamén o domingo terán protagonismo os gañadores ou gañadoras do Pontedetapas mentres que o luns 10, como é habitual, o recinto encherase de estudantes e a programación encabezaraa o Carlos Oroza co showcooking 'locavore'.

O programa complétase con catas e demostracions de cociñeiras e cociñeiros galegos como Borja Piñeiro e Elisa Pereira, do restaurante Lado; Alberto Lareo, de Maina; Inés Camelle, de Casa Ces; e Álvaro Villasante e Fátima Otero, de Paprica.

Daranse cita máis dun centenar de produtores. No seu nome, falou Rosendo Luís Estévez, de Trasdeza Natur, que indicou que este tipo de ventos son "imprescindibles" para eles, pois "somos pequenos e precisamos visibilidade".

Tamén o comercio local ten un oco na feira. Roberto Juncal Sánchez, de Juncal Alimentación, indicou que, para eles, esta feira é "moi importante" no seu proceso de procura de produtos gourmet, pois é "unha forma de poder ver cara a cara aos produtores que hai detrás de cada produto" e tamén axuda á venda porque, moitas veces, a xente chega a compralos tras coñecelos xa de Etiqueta Negra. "Veñen co traballo feito".

Javier Tourís Romeu, deputado responsable da Estación Fitopatolóxica O Areeiro da Deputación de Pontevedra, avanzou que este ano estarán cun posto co seu Té Areeiro, co que levan anos participando, e avanzou que no último ano está a espertar moito interese entre chefs e tamén empresas que buscan utilizalo como complemento ás súas bebidas. Comprometeu que a institución provincial "imos seguir apoiando este tipo de iniciativas".

Pedro López Campos, trade marketing Horeca Galicia de Hijos de Rivera, matriz de Estrela Galicia, destacou que esta feira "difunde a excelencia e a innovación" que achegan os produtos gourmet galegos ao sector na que volverán impulsar accións vinculadas á dinamización e divulgación da gastronomía galega como "sinónimo de calidade, tradición e autenticidade.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pechou o acto "derretido e orgulloso" de chegar á novena edición, pois supón que Etiqueta Negra é xa unha cita "consolidada".

Confirmou o seu compromiso por esta feira tan vinculada ao ADN pontevedrés, detrás da que hai "unha confianza non país, nas nosas potencialidades" en xeral e, en particular, no sector primario. "Este país ten futuro, é un país rico, só temos que tentar poñelo en valor e ter confianza nel", engadiu.