Luís López arroupa aos produtores gourmet galegos na antesala da Feira Etiqueta Negra

Pontevedra
22 de outubro 2025
Actualizado: 22:04

Este evento, que se converteu nunha cita imprescindible para profesionais e amantes da gastronomía, reunirá a máis dun cento de expositores

Encontro de Luis López con participantes en Etiqueta Negra
Encontro de Luis López con participantes en Etiqueta Negra / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, mantivo este mércores celebrado no Pazo provincial un encontro con produtores chegados de distintos puntos da provincia, participantes na Feira Etiqueta Negra, o gran escaparate do produto gourmet galego que se celebrará os días 8, 9 e 10 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra.

Este evento, que se converteu nunha cita imprescindible para profesionais e amantes da gastronomía, reunirá a máis dun cento de expositores procedentes das catro provincias galegas e presentará máis de vinte produtos novos, reflexo do dinamismo e a capacidade innovadora do sector alimentario de alta gama.

No encontro deste mércores presentouse unha mostra representativa dos produtos que se exhibirán na feira. Luís López non escatimou en eloxios, destacando a "valiosa achega" de iniciativas como Etiqueta Negra na estratexia da Deputación para desestacionalizar o turismo nas Rías Baixas e dinamizar a economía local.

"Nas Rías Baixas somos potencia en moitos campos, pero un indiscutible é a gastronomía", subliñou o presidente, que tamén valorou o espírito emprendedor dos produtores e a súa aposta firme polo produto local.

Consolidada xa como unha cita de referencia para profesionais e amantes da boa mesa, a feira celébrase este ano baixo o lema "Innovación inspiradora". Unha edición que por primeira vez contará co patrocinio da Deputación de Pontevedra.

A administración provincial tamén repetirá presenza cun espazo propio para promocionar a marca Té Areeiro. Esta bebida, elaborada na Estación Fitopatolóxica de Lourizán, fusiona froitas e plantas aromáticas —entre elas, a camelia— para crear unha proposta innovadora con selo galego.

"Estes proxectos sostibles xeran economía, emprego", e a Deputación préstalles "o máximo apoio" porque son froito do talento e a iniciativa dos que arriscaron o seu capital para facelos realidade, remarcou López, visiblemente orgulloso da implicación de produtores de todo o territorio provincial.

Antes de pechar o encontro, o presidente animou a toda a cidadanía a achegarse á feira en novembro.