Mestura entre "arte, cultura e gastronomía" para o Mercado Creativo co que regresa a Sétima Feira

Pontevedra
07 de outubro 2025
Actualizado: 22:40

A primeira edición da recuperada Sétima Feira celebrarase este sábado 11 de outubro no Mercado de Abastos

Presentación do Mercado Creativo de Sétima Feira
Presentación do Mercado Creativo de Sétima Feira / Concello de Pontevedra

Un Mercado Creativo é a principal atracción no regreso da Sétima Feira ao Mercado de Abastos.

A primeira xornada desta iniciativa, coa que se pretende devolverlle a actividade á planta superior do mercado e que tamén ocupará a Rúa Serra, celebrarase este sábado 11 de outubro mesturando "arte, cultura e gastronomía", explicou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías.

"Non pretende ser un mercado de artesanía senón máis relacionado co deseño", explicou a edil sobre unha actividade que contará con ao redor de 15 postos e que dará comezo ás 11.00 horas.

Gulías asegurou que se trata dunha iniciativa especial xa que no seu momento "foi o inicio do plan de traballo para revitalizar o Mercado".

Tamén se contará cun concerto en directo que se dará a coñecer uns días antes, completándose a oferta coas actividades infantís do Ganapán.

Aínda está aberto o prazo para que artistas, creadores e deseñadores poidan participar no Mercado Creativo solicitándoo na web apuntate.pontevedra.gal.

En total organizaranse dez edicións da Sétima Feira dentro do programa Pontevedra Capital Gastro, mentres se segue adiante co proceso administrativo para licitar os postos libres na primeira planta do mercado municipal.

As seguintes xornadas do ciclo serán os días 8 e 22 de novembro, 31 de xaneiro, 14 e 28 de febreiro, 14 e 28 de marzo e o 11 e 25 de abril.

MESA DO CAMIÑO

Ademais da Sétima Feira a concelleira de Promoción Económica presentou a primeira Mesa do Camiño que terá lugar este próximo xoves 9 de outubro, unha iniciativa de promoción do Camiño Portugués que pretende ensinar os peregrinos que fan parada na cidade a gastronomía local, ao contar coa participación de cociñeiros e concineras da cidade.