O mercado acollerá este sábado a unha feira de roupa 'vintage' ao peso

Pontevedra
30 de abril 2025
Actualizado: 30 de xullo

Será unha actividade solidaria que fomenta a economía circular pois toda a roupa que se pon á venda é de segunda man e foi doada polos seus anteriores donos

Presentación da "Feira Vintage, Roupa ao peso" Pablo Ajuria / Brais Porto

Este sábado día 3 de maio, a primeira planta do mercado de abastos de Pontevedra acollerá unha feira de roupa 'vintage'. Será de dez e media da mañá até o tres da tarde.

Será unha actividade solidaria que fomenta a economía circular pois toda a roupa que se pon á venda é de segunda man e foi doada polos seus anteriores donos.

Trátase dunha iniciativa da asociación Boa Vida Inclusión activa, unha entidade que actúa en Pontevedra para diminuír as desigualdades, fortalecer capacidades e mellorar o acceso a oportunidades a través da formación para as persoas en situación de pobreza ou exclusión.

Segundo explicou Clara Setti, xerente das tendas da empresa de inserción Vivir do Traballo da asociación Boa Vida, nesta feira venderase roupa ao peso.

O prezo do quilo vai variar entre 5 euros e 10 euros. Estarán dispoñibles para a venda aproximadamente 300 quilos de roupa.

As persoas que visiten a feira "poderán atopar pezas únicas, utilizadas, que foron seleccionadas coidadosamente por todo o noso equipo de traballo".

A iniciativa tamén pretende "fomentar o consumo responsable, reducir o impacto ambiental da produción téxtil e promover a moda circular como unha ferramenta de cambio", dixo Clara Setti.

Durante a feira vai haber música en directo e proxectaranse vídeos sobre o impacto ecolóxico e social da produción masiva do téxtil "co obxectivo de xerar conciencia crítica e impulsar hábitos de consumo máis sostibles".

"Como asociación traballamos para contribuír unha sociedade máis xusta, máis inclusiva e máis sostible", explicou sobre o traballo que desenvolve esta entidade desde hai trece anos "acompañando e apoiando a máis de 300 persoas que están en situación de pobreza e de exclusión social, practicando os dereitos e os deberes sociais".

"Convidamos a todas as persoas a que veñan o sábado ao Mercado coa súa bolsa reutilizable para participar nesta nova proposta que conxuga a moda e o compromiso social e ambiental", concluíu Clara Setti.