Mercar na praza de abastos de Ponte Caldelas ten premio

Ponte Caldelas
23 de maio 2017

A promoción desenvólvese ata finais deste mes e inclúe o reparto de agasallos entre os clientes, así como vales para a Festa da Troita

Campaña "Quere ao teu mercado" en Ponte Caldelas
Campaña "Quere ao teu mercado" en Ponte Caldelas

Mercar na praza de abastos de Ponte Caldelas ten premio durante este mes. O Concello, a Xunta e os praceiros colaboran na campaña "Quere o teu mercado", que forma parte do movemento internacional "Love your local market ".

A Xunta achegou material promocional para engalanar o edificio, como bandeirolas e cartelería, así como mandilóns especiais para os praceiros. Aos clientes están reservados agasallos como globos ou bolsas da compra.

O Concello de Ponte Caldelas decidiu reforzar a campaña coa entrega de vales para racións durante a Festa da Troita, que se celebra esta próxima fin de semana.

O alcalde, Andrés Díaz, compartiu tempo cos praceiros dos catro postos cos que conta o mercado caldelán (un posto de peixe, dous de carne e outro de verduras e froitas) para presentar esta campaña, que axuda a sacar adiante un mes que non é especialmente forte en ventas.

Un total de 90 mercados galegos están a participar nesta iniciativa, que continuará ata o remate deste mes.