O Mesón Bermaña, gañador dunha ruta de tapas de Caldas que serviu máis de 5.000 racións

Umia
31 de marzo 2026

Bar Toque e Bar Sena completaron o podio grazas aos votos populares e do xurado profesional. Bar D’Toxos tivo tamén unha mención especial por contar coa tapa máis votada pola clientela

Entrega de premios da primeira ruta de tapas de Caldas
Entrega de premios da primeira ruta de tapas de Caldas / Concello de Caldas de Reis

As máis de 5.000 racións servidas entre os dez establecementos que participaron na primeira edición da ruta de tapas de Caldas de Reis confirman o éxito desta iniciativa.

Nesta cita, que aspira a consolidarse no tempo, o gañador foi o Mesón Bermaña.

A súa proposta foi a que logrou a maior puntuación, combinada entre os votos do público (60%) e do xurado profesional (40%), integrado por Coque Fariña, Xoanqui Ameixeiras e Fran Jamardo.

O segundo posto foi para o Bar Toque e completou o podio o Bar Sena.

Ademais, o Bar D’Toxos obtivo unha mención especial ao ser a súa tapa a que acadou un maior número de votos por parte da clientela.

"Foron tres xornadas de gran dinamización para o sector", asegurou o presidente da Asociación de Hostalería de Caldas de Reis, Jesús Fariña, que confirmou que a entidade xa está a pensar na seguinte edición do certame, que terá lugar xa no ano 2027.

Houbo tamén sorteos de agasallos entre as persoas que consumiron as tapas e participaron nas votacións, entre eles vales de 60 euros para gastar nos establecementos ou mesmo dous abonos para a vindeira edición do festival PortAmérica.

O alcalde de Caldas, Jacobo Pérez, celebrou que se impulsen iniciativas que "fagan medrar o noso concello", e que consolidan o municipio como referencia do interior da provincia.

Esta ruta de tapas, segundo os seus organizadores, atraeu público de toda a comarca.