Miguel Filgueira: "Cando entrei no BNG xa era taurino"

Pontevedra
29 de agosto 2014

O concelleiro de Sanidade Animal de Pontevedra saíu ao paso este venres da polémica suscitada no PP e Anova e entre os colectivos animalistas e abolicionistas pola súa presenza na Praza de Touros a pesar de que o seu partido é contrario ás touradas. Recoñece "unha certa contradición", pero asegura que "eu non vou renunciar" porque "levo 35 anos indo aos touros"

Miguel Filgueira
Miguel Filgueira / PontevedraViva
Miguel Filgueira recoñece "unha certa contradición" entre ser do BNG e afeccionado ás touradas /

O concelleiro de Sanidade Animal de Pontevedra, Miguel Filgueira, saíu ao paso este venres da polémica suscitada no Partido Popular e Anova e entre os colectivos animalistas e abolicionistas pola súa presenza na Praza de Touros durante a feira da Peregrina a pesar de que o seu partido, o BNG, é contrario ás touradas. Filgueira defendeu que é compatible ser nacionalista, de esquerdas e taurino e asegurou de forma contundente: "Cando entrei no BNG xa era taurino".

O concelleiro recoñece "unha certa contradición" entre a súa decisión "persoal" de ir aos touros e a postura do seu partido, que evita subvencionar directamente as corridas e ten unha política contraria ás festas taurinas a nivel galego. Malia todo, mantén que se considera "unha persoa profundamente nacionalista e profundamente de esquerdas".

Consciente da polémica suscitada e da existencia dunha corrente social contraria ás corridas de touros, Miguel Filgueira asegurou que "eu non vou a renunciar" a acudir á feira, pois é afeccionado "dende que era un rapaz, dende que entrei no instituto". De feito, asegura que "eu levo 35 anos indo aos touros".

A pesar da diferenza de opinións que ten co seu partido e, segundo recoñeceu, co seu propio fillo, insiste en que "me atopo cómodo, non me atopo incómodo" no BNG e "na ideoloxía básica coincido plenamente". Si asume que se trata dunha situación "un pouco peculiar", pero a circunscribe ao seu "ámbito persoal", pois "son político, pero son unha persoa humana, con todas ás virtudes e todos os defectos".

"Eu non vou renunciar, levo 35 anos indo aos touros"

"Estes detalles entran dentro do ámbito persoal", insistiu este venres nunha comparecencia pública na que defendeu que a pesar de ser concelleiro de Sanidade Animal "nas miñas competencias non entran temas taurinos" e a súa afección persoal "non afecta para nada á miña función profesional".

Filgueira tamén recordou que en todos os partidos hai contradicións. Como exemplo, sinalou a existencia de altos cargos do PP que celebran matrimonios entre persoas do mesmo sexo e mulleres 'populares' que abortan a pesar da política xeral do seu partido. "Non somos robots", sostén.

Segundo asegura, ata agora non tivo ningún problema interno no partido por esta afección e rexeita valorar a súa postura sobre o convenio que mantén o Concello coa empresa propietaria da Praza de Touros, que o Goberno local anunciou que revisará. Si quixo insistir en que o Concello non subvenciona os touros e regulalos non é competencia municipal, senón autonómica.

Ademais, quixo matizar que o caso de Pontevedra é "un pouco atípico", ao ser a única localidade galega onde se celebra unha feira taurina. "Hai unha realidade que é a realidade de Pontevedra", concluíu.