Mil cincocentas cunchas de peregrino de agasallo ao pasar pola Ponte do Burgo

Pontevedra
22 de xullo 2025
Actualizado: 9:37

Trátase dunha iniciativa da Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO) para celebrar este 25 de xullo a festividade de Santiago Apóstol

Un peregrino cargado coa súa mochila
Un peregrino cargado coa súa mochila / Xunta de Galicia

A Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO) celebrará o próximo 25 de xullo, festividade de Santiago Apóstol, unha emotiva iniciativa en homenaxe aos peregrinos que pasan por Pontevedra na súa ruta cara a Compostela.

Desde as sete da mañá, procederase á repartición de 1.500 cunchas do peregrino como símbolo de agradecemento a quen elixen a cidade do Lérez para descansar e facer noite no seu camiño.

Desde Asampo explican que todas estas cunchas conseguíronse coa colaboración do Bar Restaurante A Ponte, en Marcón; Bar Restaurante O Burato, en Portonovo e Bar Restaurante Loira, en Marín.

A actividade contará tamén coa entrega dun milleiro de botellas de auga, doadas polo Bar Merry's en Pontevedra quen quixo sumarse a esta mostra de hospitalidade inspirándose no espírito tradicional da cidade: "Pontevedra é boa vila, dá de beber a quen pasa".

A iniciativa que reflicte tanto o compromiso co Camiño de Santiago como cos valores solidarios de Asampo, realízase tamén no marco da súa mensaxe de concienciación sobre a doazón de órganos, sangue e tecidos: "Deixa os teus órganos ao final do camiño para que outras persoas poidan terminar o seu".

Este colectivo agradece a colaboración da Agrupación de Protección Civil Pontevedra polo seu apoio loxístico.

A repartición comezará ás sete da mañá do día 25 de xullo, na saída da Ponte de Burgo dirección Santiago e prolongarase até esgotar existencias.