Milleiros de persoas enchen Cuntis nunha Festa do Lacón con grelos que bate records

Umia
10 de marzo 2019

Non hai nada mellor para despedir o Entroido que unha boa ración de lacón con grelos. Iso pensaron as máis de 3.500 persoas que, segundo a organización, acudiron este domingo a Cuntis para participar na vixésimo segunda edición da Festa do Lacón con Grelos

Festa do Lacón con grelos 2019, en Cuntis
Festa do Lacón con grelos 2019, en Cuntis / PontevedraViva

Non hai nada mellor para despedir o Entroido que unha boa ración de lacón con grelos. Iso pensaron as máis de 3.500 persoas que, segundo a organización, acudiron este domingo a Cuntis para participar na vixésimo segunda edición da Festa do Lacón con Grelos.

Unha gran carpa acolleu a todos os comensais que, previa reserva, citáronse con este saboroso produto da gastronomía galega. A eles sumáronse todos aqueles que, no seu lugar, optaron por comelo nos diferentes restaurantes do municipio.

Antes de comer o lacón con grelos, acompañado como manda a tradición con patacas e chourizo, os asistentes gozaron cunha ampla programación de actividades que, como punto de inicio, incluíu o pregón interpretado polo actor e humorista Xosé Antonio Touriñán, que fixo rir ao público co seu enxeño e o seu descaro.

A música de The Bichos Jazz Band amenizou a comida, pero tamén houbo actuacións da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis, a Banda de Gaitas As Portelas de Lubián, A Xaiba, a Banda Xuvenil de Cuntis, a Banda da Escola de Música de Vilaboa ou A Banda da Loba.

Catro exposicións, a feira de artesanía ou a concentración Vespalacón foron outros dos pratos fortes dunha xornada que concluíu, como é habitual, co velorio do Chapante, a imaxe do Entroido de Cuntis e o seu posterior enterro.