Millón e medio de euros para peonalizar a Praza do Regueiro na Illa de Arousa

O Salnés
15 de xaneiro 2022

A Praza do Regueiro, un dos espazos públicos máis importante da Illa de Arousa e punto de encontro da veciñanza, vai a ter un novo aspecto. Este ámbito urbano será remodelado de xeito integral, actuación na que se investirán 1,5 millóns de euros

Carmela Silva, Carlos Iglesias e César Mosquera Deputación de Pontevedra

A Praza do Regueiro, un dos espazos públicos máis importante da Illa de Arousa e punto de encontro da veciñanza, vai a ter un novo aspecto. Este ámbito urbano será remodelado de xeito integral, actuación na que se investirán 1,5 millóns de euros.

Este é un dos proxectos aprobados pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan ReacPon.

O proxecto contempla a reurbanización da praza para converter a zona nun eixo vertebrador de toda a contorna.

Así, restrinxirase o acceso de vehículos e acometerase a peonalización dos viais, establecendo áreas de prioridade residencial e reformulando a circulación para peonalizar a praza. Tamén se eliminará unha zona de aparcadoiro, de 1.200 metros cadrados de superficie.

Crearase ademais un parque con diversas zonas, unha infantil, outra de aparatos de exercicio para maiores e unha pista polideportiva pensada para a mocidade, e haberá un espazo para uso cultural e para as Festas do Carme.

Suprimiranse as barreiras arquitectónicas e pavimentos públicos e mellorarase a mobilidade peonil e ciclista, con novas sinais verticais e horizontais, pasos peonís sobreelevados e redutores de velocidade.

Ademais, potenciarase a eficiencia enerxética, a través de luminarias led, elementos de captación de enerxía solar para autoabastecemento, equipamentos para reducir fugas de caudal, tratamentos eficientes das augas residuais e pavimentos superficiais ecolóxicos.

O alcalde da Illa, Carlos Iglesias, tras a sinatura do convenio para financiar as obras, destacou que sen a axuda da Deputación estas actuacións nos concellos "serían imposibles" e subliñou que "na grande transformación que estamos facer na vila sempre estiveron presentes".

Carmela Silva, pola súa banda, felicitou ao rexedor pola "valentía" de apostar por actuacións como a da Praza do Regueiro, que actualmente presentaba un estado "degradado".

O Concello abordará unha operación de crédito para asumir a súa parte do custo da obra e confía en que estea rematada ao longo deste ano, en que A Illa cumpre 25 anos como municipio, "e poder celebrarlo como se merece".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora