A Misión Biolóxica de Galicia recibirá 100.000 euros da Xunta para a preservación de sementes de especies vulnerables

Pontevedra
09 de xullo 2025

A conselleira Ángeles Vázquez valora a "xoia" que supón o Banco de Xermoplasma, que é unha das coleccións máis importantes de España

A conselleira visita o Banco de Xermoplasma
A conselleira visita o Banco de Xermoplasma / Xunta de Galicia

A Xunta financiará con 100.000 euros a investigación da Misión Biolóxica de Galicia para garantir a preservación de sementes de 65 especies galegas en perigo ou vulnerables creando a base para a restauración futura dos ecosistemas.

Como novidade, tamén se preservarán os solos e as comunidades microbianas asociadas a esas plantas vulnerables.

A maiores, elaborarase unha base de datos completa coa información obtida para ter un rexistro dixital das principais características das especies de plantas superiores incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA).

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou este mércores esta axuda da Xunta durante unha visita ao Banco de Xermoplasma de Galicia, na Misión Biolóxica de Galicia (MBG) un centro de investigación do CSIC, con sede en Pontevedra no que traballan unhas 150 persoas, entre científicos, investigadores, técnicos, persoal administrativo e de apoio.

Ángeles Vázquez enxalzou o equipo multidisciplinar da MBG e salientou que as investigacións sobre o millo, as brásicas, as legumes ou a vide teñen unha "importancia enorme" para a economía rural e tamén para o equilibrio dos ecosistemas.

Visita de Ángeles Vázquez á Misión Biolóxica
Visita de Ángeles Vázquez á Misión Biolóxica

A conselleira cualificou como "proxecto necesario" esta iniciativa que busca preservar as variedades autóctonas e adaptadas ao noso territorio, que é "a mellor maneira de garantir un futuro sostible e resiliente ante os desafíos que temos por diante como o cambio climático".

Nese senso, puxo en valor "a auténtica xoia" que, ao seu xuízo, supón o Banco de Xermoplasma, que é unha das coleccións máis importantes de España con máis de 3.000 variedades tradicionais galegas conservadas, protexidas e postas ao servizo do futuro.

Por último, a conselleira tamén salientou este "enfoque innovador" que supón a investigación coa que colaborará a Xunta.