Mobilización ante a "insostible" espera de ata tres anos por especialistas en Seixo e Marín

Marín
20 de xaneiro 2026

Convocan unha asemblea veciñal para este xoves e activan a reserva de autobuses para a gran manifestación sanitaria do 1 de febreiro

Protesta da Plataforma pola Sanidade en Seixo e Marín
Protesta da Plataforma pola Sanidade en Seixo e Marín / Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín, que aglutina a máis de vinte colectivos sociais, denuncia publicamente a "extrema gravidade" que atravesa a atención especializada na zona.

Segundo os datos trasladados pola entidade, existen casos de pacientes que soportan esperas de ata tres anos para unha consulta de uroloxía e case un ano para a realización dunha ecografía cualificada como preferente.

Ante este escenario, a Plataforma convocou unha asemblea veciñal de persoas afectadas que terá lugar este xoves, 22 de xaneiro, ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Seixo.

A cita está aberta tanto a pacientes como a familiares de Marín e as súas parroquias que leven agardando máis de tres meses por unha cita co especialista, unha proba diagnóstica ou unha intervención cirúrxica.

O chamamento inclúe tamén a aquelas persoas que, tras rexeitar a derivación á sanidade privada, continúan en lista de agarda no sistema público.

Iria Aboi Ferradás, voceira da Plataforma, cualificou a situación de "insostible" e rexeitou os argumentos da Consellería de Sanidade. "Viven o colapso nas urxencias pola falla de previsión e organización, pero pretenden culpar á xente por acudir cando está mal e non ten alternativa", sinala.

Para o colectivo, as demoras de semanas na medicina de familia e de anos na especializada responden a unha decisión política que, ao seu xuízo, procura o "desmantelamento" do sistema público en beneficio das clínicas privadas.

PROTESTA EN SANTIAGO

Como segunda vía de presión, a Plataforma confirmou a súa participación na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o vindeiro 1 de febreiro en Santiago de Compostela.

Co obxectivo de facilitar a asistencia da veciñanza, xa se habilitou a reserva de prazas en autobuses que partirán de Marín e as parroquias a un prezo de 5 euros.

Os interesados poden inscribirse nos puntos de venda habituais distribuídos polo municipio:

  • En Marín: Café Bar O Freixo e Café Bar O Carballinés.

  • En Seixo: Panadería do Cine, Librería Begoña, Farmacia e Ferretería La Comercial.

  • En Ardán: Agrícola.

  • Contacto telefónico: 699 484 676.

Desde a organización subliñan a necesidade de actuar colectivamente para protexer o acceso á saúde, un dereito que consideran que está sendo vulnerado a través das actuais listaxes de espera.