O grupo municipal do PSOE vén de presentar unha moción para que se activen as medidas do pacto contra a violencia de xénero.
"O Pacto de Estado é un elemento de enorme relevancia para a loita contra as violencias machistas. Unha reivindicación tanto dos socialistas como do movemento feminista", indicou a concelleira do PSOE, Paloma Castro, tras presentar a moción. "Pero agora temos que facer que se aplique e desenrole canto antes. É necesario presionar ao goberno do Estado para que o dote economicamente".
Con esta moción pretenden solicitar ao Goberno de Mariano Rajoy que se acurten os prazos establecidos, pedir que poña en funcionamento as medidas adoptadas neste pacto especialmente aquelas que teñen que ver coas entidades locais e o papel que lles corresponde no ámbito da atención e protección das mulleres vítimas e os seus fillos; e solicitar que de maneira urxente active e traslade as partidas orzamentarias acordadas para a execución dos acordos do pacto, ao conxunto das administracións implicadas.
A aprobación da moción, de ser o caso, trasladarase ao presidente do Goberno e aos ministerios implicados.