As integrantes dos grupos parlamentarios que traballaron na subcomisión para a redacción do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero visitarán Pontevedra o sábado 4 de novembro para participar nun debate que organiza o Colectivo Feminista Pontevedra no Pazo da Cultura.
Patricia Díaz, presidenta do Colectivo Feminista, presentaba este martes na Casa da Luz esta xornada de análise e debate sobre as propostas que se acordaron no Pacto de Estado, aprobado o 28 de setembro. Desta forma, quérese estudar o impacto que a súa aplicación terá na sociedade en xeral e na situación das mulleres e os seus descendentes como vítimas da violencia machista.
A idea é analizar as principais medidas aprobadas e o grao de cumprimento do Convenio de Istambul. Ademais, observaranse as carencias e avances que leva o Pacto de Estado, á vez que se verá como se aplicará nas distintas comunidades autonómas. Tamén se tratará un dos temas máis controvertidos respecto ao Pacto de Estado, que se centra en explicar as causas da non inclusión das formas de violencia contra a muller que non foron incluídas: a prostitución e os ventres de aluguer.
A programación comezará o sábado 4 ás 9.30 horas coa participación de Dolores Galovar (PSOE), Marián García (PP), Ángela Rodríguez (Unidos Podemos), Olga Louzao (Cidadáns), ademais de Begoña San José, co fundadora de Forum de política Feminista, e María Paz Filgueira, maxistrada de Violencia contra a Muller en Vigo. A xornada será aberta ao público ata completar o aforamento.
O Colectivo Feminista Pontevedra engloba a seis asociacións defensoras da igualdade, ademais de numerosas promotoras individuais que buscan impulsar o feminismo como fórmula para transformar a sociedade.