RADIO.- Conversas na Ferrería: Foi 2017 o ano da revolución feminista?

Pontevedra
12 de xaneiro 2018

A palabra feminismo foi a máis buscada no 2017 no dicionario americano Merriam- Webster. Houbo voces que definiron ao ano recentemente concluído como: 2017 o ano da revolución feminina. Percíbeno así nosas convidadas ás Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio?

Conversas na Ferrería en PontevedraViva Radio
Conversas na Ferrería en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Tras a elección de Donald Trump como presidente dos Estados Unidos a Marcha Mundial das Mulleres saíu á rúa de decenas de países para manifestarse contra un individuo que alardeara de acosar a mulleres.

O movemento xerado en redes co #metoo puxo de manifesto a denuncia de mulleres anónimas, coñecidas e recoñecidas que sufriran nalgún momento acoso sexual. Isto tras saír á luz os abusos do produtor Harvey Weinstein. 

A reivindicación e denuncia feminina no sector continuou na última cerimonia dos Globos de Ouro. A xornalista Carrie Gracie corresponsal da BBC en China foi exemplo dun basta á desigualdade salarial.

En España o caso dos cinco mozos sevillanos acusados de violar a unha moza en San Fermín tamén elevou a voz da reivindicación e denuncia contra a violencia sexual; ou o último caso que pechou o ano, a aparición do corpo de Diana Quer e a detención do presunto autor da súa morte violenta, José Enrique Abuin.

Feitos que propiciaron esa procura masiva da palabra "feminismo" e que fixeron que a denuncia social estivese máis presente. Pero, son suficientes para dicir que 2017 foi o ano da revolución feminista como algunhas voces afirmaron? Para falar respecto diso contamos nestas Conversas na Ferrería con María Varela, xornalista e redactora xefa de Diario de Pontevedra; Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Daisy Alcalde, presidenta do colectivo Ou soño de Lilith, mestra e axente de igualdade.

Do ameno e enriquecedor faladoiro, extraemos unha das achegas de cada participante, convidando a que escoites o programa de PonteveraViva Radio completo. María Varela entende que o 2017 foi "un punto de inflexión. Tras moitos anos de reivindicación feminista púxose luz sobre un tema que permanecía oculto como é o acoso. Se a partir deste punto vaise producir unha revolución non o sei, pero creo si foi iso, unha inflexión".

Daisy Alcalde engade que "a revolución feminista ten moitos anos e conseguíronse feitos relevantes no pasado. 2017 foi un ano de visibilización do feminismo; escoitouse falar diso e hai máis persoas interesadas no tema. Eu polo menos é o que vexo entre a poboación nova; aínda que tamén se percibe unha radicalización do machismo". 

Lucía Muradas comparte esa argumentación: "dicir que foi o ano da revolución feminista é darlle demasiado protagonismo ao 2017. É certo que houbo temas que resultaron moi mediáticos e que levaron a reflexionar á opinión pública. Así que polo menos, serviu para visibilizar aínda que hai que facelo máis e poñerlle nomes ás cousas. As redes sociais seguen tendo un discurso machista e seguimos recibindo ataques constantes".