O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este mércores a unha delegación institucional procedente de Alzira (Valencia), encabezada polo seu rexedor, Alfons Domínguez (Compromís), co obxectivo de coñecer de cerca o modelo urbano da capital pontevedresa, considerado unha referencia en toda Europa.
A comitiva, composta por dous concelleiros e tres técnicos municipais, aproveitou a súa viaxe a Galicia para participar no III Foro da Axenda Urbana, que se celebra na Coruña, e dedicou dúas xornadas a visitar Pontevedra. Durante a súa estancia, os representantes de Alzira puideron gozar da gastronomía local e percorrer a pé o centro urbano, experiencia que lles permitiu comprobar in situ os resultados das políticas de peonalización e humanización do espazo público.
Nunha reunión celebrada este mércores, o alcalde Lores e o director xeral de Protección Cidadá, Daniel Macenlle, expuxeron as claves do modelo urbano pontevedrés, que foi obxecto de recoñecemento internacional por priorizar ás persoas fronte ao coche.
Durante un encontro coa prensa local, Alfons Domínguez destacou que Pontevedra "é unha referencia a nivel europeo" en canto a planificación urbana sostible, e sinalou que o seu concello levaba tempo querendo coñecer en profundidade este proceso de transformación desde o inicio do actual mandato.

Domínguez explicou que en Alzira xa levaron a cabo algunhas peonalizacións e trabállase na implantación de "plataformas únicas", pero o que máis lle chamou a atención do caso pontevedrés é que "o éxito non reside na prohibición, senón en que a prioridade cambiou", devolvendo o protagonismo á cidadanía. "A xente asumiu este cambio como propio, e iso é fundamental", valorou.
O alcalde valenciano insistiu en que a participación cidadá é clave para o éxito e a permanencia deste tipo de transformacións urbanas, e mostrouse impresionado pola ausencia de coches estacionados no centro de Pontevedra, o que cualificou como "unha gran vantaxe, unha gran batalla gañada".
Así mesmo, subliñou que en Pontevedra "os coches deben circular á velocidade do peón", o que permite recuperar o espazo público como lugar de convivencia.
"Trátase de volver vivir as rúas, e adaptar a cidade para nenos e maiores. Si conseguimos iso, será unha cidade cómoda para todos. E aquí, sen dúbida, lográstelo", concluíu.