O Concello de Marín iniciou os traballos para a instalación dunha nova pasarela na praia de Mogor co obxectivo de garantir a accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida durante a vindeira tempada estival.
A intervención localízase no acceso situado a carón do Centro de Interpretación de Petróglifos.
A empresa ROCAS asume a execución deste proxecto, que conta cun orzamento superior aos 100.000 euros.
Esta infraestrutura está deseñada para que os usuarios de cadeiras de rodas ou persoas con dificultades de desprazamento poidan chegar á area dende o vial principal sen atopar obstáculos físicos.
Segundo a planificación técnica, as obras teñen un prazo de execución previsto de dous meses.

Con esta actuación, a administración municipal traslada a política de eliminación de barreiras arquitectónicas, aplicada habitualmente no núcleo urbano e na humanización de rúas e prazas, cara aos espazos naturais do municipio.
Mentres se desenvolvan os traballos de construción na entrada principal, o acceso á praia de Mogor realizarase a través da seguinte entrada, situada a uns 200 metros de distancia continuando o percorrido polo Vial de Praias.