Moita festa, pero poucos cartos: os feirantes non fixeron o agosto

Pontevedra
20 de agosto 2024

Para pechar as Festas da Peregrina, como é tradicional, as atraccións feirais reduciron prezos con motivo do día do neno. Unhas festas que conclúen para este sector sen que ninguén diga que fixeron unha boa feira en Pontevedra

Día do neno nas atraccións feirais das festas da Peregrina
Día do neno nas atraccións feirais das festas da Peregrina /

No último día das Festas da Peregrina, cando a redución de prezos con motivo do día do neno fai que a afluencia de público da arrancada de despedida, un feirante que xestiona unha das atraccións instaladas en Raíña Victoria, sinalaba: "Este ano foi un 30% máis frouxa esta feira".

O resultado destes once días repetíase en todas as atraccións consultadas, tanto as que atraen ao público de menos idade como as destinadas a mozas e adultos. "Moi mal, non houbo xente", "moitísimo menos que anos anteriores", "moi frouxiña, viña xente, pero non gasta", "frouxa", "mellor non che conto", "frouxo, moi frouxo, non houbo a afluencia doutros anos", "moi frouxo", " este ano foi moi frouxiño", "mira canta xente hai e a viaxe está hoxe a dous euros"...

Se o tempo non foi un elemento en contra e se a cidade excedeu de persoas, o que fallou tamén o sinalan estes feirantes: "non hai cartos. Se a xente non pode gastar, non van vir á feira cos nenos para non subilos ás atraccións, así que xa non veñen. Como moito, aproveitan hoxe". 

"Como isto siga así..., quitounos xente o cambio das tiradas dos fogos de lucería, os concertos non nos traen, os touros foron só unha fin de semana e o Concello non nos rebaixa o prezo por instalarnos... como non funcione Lugo, que é a grande que nos queda...", lamentábase outra das feirantes habituais.