Moldes celebra un ano de mandato na romaría do Monte Castrove

Poio
26 de maio 2024

Arredor de 1.500 persoas asistiron á XVII edición da tradicional romaría do Monte Castrove. O acto contou coa participación do presidente provincial, Luis López e da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado

Ángel Moldes con cargos do PP que asistiron a Monte Castrove
Ángel Moldes con cargos do PP que asistiron a Monte Castrove /

Arredor de 1.500 persoas acudiron este domingo a Monte Castrove no acto organizado polo Partido Popular con motivo do cumprimento do primeiro ano de mandato dos populares no goberno local de Poio, con Ángel Moldes asumindo a alcaldía.

A XVII edición desta tradicional Romaría Popular contou coa presenza de Luis López, presidente provincial do PP e da Deputación de Pontevedra; ademais de Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG.

Moldes afirmou durante o acto que son un goberno "para toda a veciñanza, con diálogo, porque ninguén mellor que todos vós sabedes cales son as necesidades e prioridades do noso concello", explicou o rexedor.

Agradeceu tamén o traballo realizado por cada concelleiro do seu equipo de goberno para asegurar que se trata dun goberno "comprometido, responsable e eficiente".