Moldes intenta convencer a Silvia Díaz de que o programa de Avante Poio ten similitudes co do PP

Poio
31 de maio 2019

O candidato popular explicoulle á concelleira que coinciden en puntos como transparencia e participación, a xestión racional dos recursos municipais, a modernización do concello ou a rexeneración. Ángel Moldes entende que a cidadanía de Poio votou o domingo por un cambio de goberno

A representante de Avante Poio, Silvia Díaz, mantivo este xoves unha xuntanza con Ángel Moldes, representante do Partido Popular e o candidato que máis votos obtivo o domingo 26 de maio. Nesta reunión, Moldes tentou explicar á concelleira que, despois de 24 anos de gobernos do BNG e do PSOE, a cidadanía decidiu un cambio de goberno no municipio.

Ángel Moldes, que precisa do apoio de Silvia Díaz para obter a maioría que lle permita gobernar, explicoulle as similitudes que existen entre os programas do Partido Popular e o de Avante Poio, que para o representante popular parécense máis entre si que en relación ás promesas electorais do BNG ou do PSOE. 

Entre os puntos coincidentes, os populares sinalan as similitudes en temas como a transparencia e a participación, a proposta de orzamentos participativos ou a optimización e xestión racional dos recursos municipais. Para Moldes sería sorprendente que Díaz apoiase un goberno con BNG e PSOE cando estas formacións apostan por un contrato de auga privatizada cando a concelleira presentou unha proposta de remunicipalizar este servizo.

Ademais tamén coinciden na coordinación, planificación e resposta áxil ante as demandas dos veciños e, neste sentido, o PP sinala que foi a agrupación que máis necesidades trasladou á corporación tanto nas comisións como nos plenos, sobre todo en materia de urbanismo. Neste punto, tamén as dúas agrupacións políticas piden un novo PXOM.

Por último, o candidato do PP cre que Avante Poio e o seu partido teñen o mesmo obxectivo de rexenerar o Concello e iso, segundo Moldes, non o lograrán se se mantén a un alcalde que leva 40 anos como concelleiro e 24 de alcalde e unha tenente de alcaldía que leva 16 anos na corporación.

O máximo representante dos populares de Poio advirte que non se levantarán de ningunha mesa nin renunciarán á alcaldía de Poio nin á rexeneración que piden os veciños. Lémbralle, ademais a Silvia Díaz, que non debería esquecer como a trataron cando abandonou o BNG e como "os mesmos que lle pediron que entregase a acta de concelleira.pídenlle agora a acta para perpetuarse na cadeira de brazos".