Avante Poio abre a porta a un pacto con BNG e PSOE porque "a rexeneración ten que darse dende a esquerda"

Poio
01 de xuño 2019

A formación que encabeza Silvia Díaz, chave co edil que conseguiu nas eleccións para a formación do próximo goberno local, asegura que as diferenzas que lle separan do Partido Popular "son irreconciliables co proxecto de progreso polo que traballa Avante Poio"

Silvia Díaz
Silvia Díaz / PontevedraViva

O panorama post-electoral en Poio empeza a clarificarse. Tras a reunión e achegamento do Partido Popular con Avante Poio, a formacion encabezada por Silvia Díaz e que conseguiu un concelleiro que pode resultar definitivo, descartou a posibilidade de chegar a un acordo que facilite a investidura do popular Ángel Moldes.

"Dado que o espectro ideolóxico de Avante Poio é a esquerda, e pese a que o Partido Popular de Poio fixo un esforzo por atopar coincidencias co noso programa electoral, os puntos de partida das nosas formacións son diametralmente opostos", explica Avante tras reunirse na noite do venres para valorar a situación e as entrevistas cos cabezas de lista das candidaturas que obtiveron representación nas urnas.

As diferencias nos posicionamentos que defende Díaz e a súa candidatura e os que defende o Partido Popular "son irreconciliables co proxecto de progreso polo que traballa Avante Poio" polo que "a rexeneración ten que darse dende a esquerda", sinalou a formación a través dun comunicado.

Desta forma Silvia Díaz abre a porta a pactos co BNG do alcalde en funcións Luciano Sobral e o PSOE encabezado por Chelo Besada, que sumaron entre as dúas formacións 8 edís (5+3), os mesmos que Partido Popular, que quedou a un concelleiro da maioría absoluta.

A pesar de que Avante defende que o bipartito acusou nos últimos anos "carencia de dirección, coordinación, supervisión e transparencia", avanzan que abrirán unha rolda de negociacións coas formacións de esquerda para coñecer se "están dispostos a plasmar en acordos concretos a súa disposición a rexenerar o equipo de goberno e o funcionamento do goberno local".

A primeira reunión a tres bandas entre BNG, PSOE e Avante producirase o vindeiro martes 5 de xuño, aínda que Silvia Díaz avisa que se tratará dun proceso laborioso "xa que non se vai tratar en absoluto de reeditar ou prorrogar pactos anteriores engadindo Avante Poio".