As negociacións para un futuro goberno tripartito en Poio, entre BNG, PSOE e Avante Poio, arrancan con bo pé. O primeiro encontro a tres bandas, celebrado onte á noite na sede dos socialistas, estivo protagonizado pola "boa sintonía" entre os tres partidos.
Así o explicaron a PontevedraViva tanto o alcalde de Poio, Luciano Sobral, como o edil socialista Gregorio Agís. Este último sinalou que "todos entendemos lo que queremos mejorar" e avogou por trazar unha "visión de catro años" na que se incorpore o que "queramos asumir, cambiar o modificar".
"As sensacións son moi positivas", asegurou o rexedor nacionalista, que desvelou que nesta primeira reunión os partidos compararon os seus respectivos programas e achegaron posturas para o deseño dun equipo de goberno "coherente" e que teña unha estratexia "clara" para liderar o municipio o próximos catro anos.
Sobral afirmou que os tres partidos están de acordo "no básico", que sería mellorar a xestión municipal, facela "máis transparente se cabe", achegar a administración aos veciños e aumentar a participación dos colectivos na vida municipal.
O alcalde, que recoñeceu ser "optimista" ante un posible acordo, destacou que o feito de que Silvia Díaz, líder de Avante Poio, "non sexa unha persoa estraña para nós" axuda a que as negociacións avancen de maneira máis fluída.
O obxectivo é que este tripartito funcione "como un único goberno" que estea baseado nun "programa común" e que exista unha "total transparencia" entre todos os seus integrantes.
O BNG, sinalou Luciano Sobral, xa puxo sobre a mesa unha proposta de áreas de xestión municipal que se crearían, unha reestruturación do organigrama, as comisións que se celebrarían ou mesmo a composición da Xunta de Goberno.
Os tres partidos volverán reunirse este xoves para avanzar nos termos do seu acordo.