O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, pediu á Xunta que non faga caso á "ocorrencia" da alcaldesa en funcións, Chelo Besada, que se ofreceu a pagar as expropiacións dos terreos da PO-308 para que a Consellería poida acometer a mellora da seguridade neste vial.
"É unha manobra de distracción para retrasar a obra o máximo posible e os únicos prexudicados serían os veciños", criticou o voceiro popular.
Moldes reuniuse este martes co delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, a quen lle dixo que "despois das súas mentiras, non se lle pode dar credibilidade ao bipartito, e máis cando veñen da man de alguén como Andrés Díaz, un modelo de confrontación e de política con minúsculas, que se preocupa máis de intrigas e leas de partidos que de levar adiante proxectos para os veciños".
Ademais, para Moldes, o apoio do alcalde de Ponte Caldelas a Besada ten máis que ver "coas loitas internas do PSOE que co seu interese pola estrada", e apuntou que "probablemente a foto molestoulle máis á presidenta da Deputación que ao PP de Poio".
O voceiro popular transmitiulle ao delegado da Xunta que "a única esperanza dos veciños de Poio para que as beirarrúas da PO-308 sexan unha realidade é que a administración autonómica faga o que o concello non quere ou non sabe facer: traballar, negociar cos veciños e, no seu caso, expropiar".
Moldes confirmou co delegado territorial que o goberno local de Poio, BNG-PSdeG, non puxo a disposición da Xunta "nin un só metro dos que comprometera" para esta marxe peonil, o que para o voceiro popular demostra que "a Xunta non pode fiarse das palabras ou das promesas do goberno de Sobral".
COTOBADE OU A LAMA COMO EXEMPLOS
Para Ángel Moldes a proba de que a Xunta esixe a todos os gobernos locais as mesmas condicións son, por exemplo, os concellos da Lama ou Cerdedo-Cotobade, nos que os seus alcaldes tiveron que negociar os terreos e poñelos a disposición para que a Xunta acometese as obras na estrada autonómica.
Nesta liña, o voceiro lamentou que Poio non aposte por este modelo. "A única diferencia entre estes concellos é que mentres Poio e Ponte Caldelas andan con algaradas e teatros, outros gobernos, como os de Cerdedo-Cotobade e A Lama traballan con seriedade, reúnense cos veciños, xestionan e toman decisións".