O goberno local denuncia o boicot da Xunta a Poio

Poio
20 de abril 2017

Boicotear é obstaculizar, obstruir, bloquear, ameazar, presionar, impedir ou entorpecer a realización dun acto ou dun proceso como medio de presión para conseguir algo. O goberno local de Poio acusa o Partido Popular de levar a cabo unha "vergoñosa estratexia de boicot a calquera proxecto que beneficie a Poio, coa única intención de culpabilizar ao goberno de Poio, coa esperanza que isto lle de rédito político"

Estrada PO-328
Estrada PO-328 / PontevedraViva

Boicotear é obstaculizar, obstruir, bloquear, ameazar, presionar, impedir ou entorpecer a realización dun acto ou dun proceso como medio de presión para conseguir algo. O goberno local de Poio acusa o Partido Popular de levar a cabo unha "vergoñosa estratexia de boicot a calquera proxecto que beneficie a Poio, coa única intención de culpabilizar ao goberno de Poio, coa esperanza que isto lle de rédito político".

Así de contundente manifestouse a tenente de alcalde, Chelo Besada. A portavoz socialista lembrou que o goberno municipal de Poio (BNG e PSOE), coa intención de "desatascar" a mellora da PO-308, propuxo "unha solución sensata e viable pois entendemos que é a única forma de conseguir os terreos necesarios para a execución do proxecto".

É dicir, o goberno local ofreceuse a pagar as expropiacións necesarias para comezar canto antes as "melloras urxentes" de seguridade viaria, unha solución que o PP local pediu que sexa rexeitada por parte da Xunta.

A PO-308 polo nivel de tráfico que soporta condiciona o día a día dos veciños que viven na súa marxe e resulta un verdadeiro problema de seguridade e accesibilidade. Todos coinciden en que é necesario mellorar os cruces dotar de beirarrúas e habilitar pasos de peóns en condicións de seguridade.

Chelo Besada considera que o portavoz popular, Ángel Moldes, que é un "especialista en enlamar a vida política e xerar problemas", e cualifica de "enorme torpeza" que o PP pida  que se desestime e non se tome en consideración o ofrecemento de Poio. "Isto demostra, sen dúbida, que o Partido Popular ten unha vergoñosa estratexia de boicot", apunta a tenente de alcalde.

O goberno local engade que "esta estratexia repítese con todas as obras dependentes da Xunta" e citan a mencionada PO-308, a depuradora, o polígono de Fragamoreira, os accesos aos portos de Raxó e Covelo. "Para todas elas teñen deseñada a súa preceptiva desculpa".

Neste último caso, Chelo Besada pregunta "cal é a desculpa que teñen para non executar os proxectos dos portos de Raxó e Covelo oito anos despois da firma do convenio?".