"Momentos Rías Baixas", unha campaña adaptada á evolución das posibilidades de viaxar

Pontevedra
08 de febreiro 2021

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou a nova campaña bianual 2021-2022 de Turismo Rías Baixas, cunha estratexia "realista" adaptada a cada momento segundo a evolución das posibilidades de viaxar

Presentación de la campaña "Momentos Rías baixas"
Presentación de la campaña "Momentos Rías baixas" / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou a nova campaña bianual 2021-2022 de Turismo Rías Baixas, cunha estratexia "realista" adaptada a cada momento segundo a evolución das posibilidades de viaxar.

Nun acto de presentación desenvolto este luns de maneira telemática desde o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, Carmela Silva sinalou que "estamos nun momento incerto pero non nos imos deter" e por iso deseñaron unha campaña de promoción turística que "será diferente,  reformulada e adaptada pero mantendo os valores e acenos de identidade do noso destino". 

Unha campaña que definiu como "viva, fresca, divertida, desenfadada, áxil, flexible, positiva e real" que terá tres fases diferenciadas cun calendario flexible e "un fío condutor que apela aos recordos, á memoria sensorial, ao emocional, poñendo en contacto ás persoas visitantes máis fieis e creando comunidade", dixo Carmela Silva.

A primeira fase denomínase "Momentos Rías Baixas", e estará vixente ata o levantamento das restricións, "non nos queremos adiantar", indicou a presidenta provincial. Esta primeira acción está dirixida a aquelas persoas que xa estiveron neste destino turístico, para que compartan nas redes sociais as súas vivencias. "Tamén queremos implicar ao sector, que está detrás deses recordos".

Nesta fase a Deputación organizará concursos e sorteos mensuais. Empezará este mércores 10 de febreiro cunha campaña na internet. 

A fase 2 empezará cando non existan restricións á mobilidade e chamarase "É o teu Momento", a idea é presentar o vídeo central da campaña en FITUR, pero dependerá das circunstancias. Neste caso xa se convidará á cidadanía para visitar a provincia partindo das historias reais que foron recibidas na primeira fase trasladando "empatía, emoción e acción".

A terceira e última fase chegará cara a finais deste ano e no inicio de 2022, será entón cando "aproveitaremos a forza  tractora do Camiño de Santiago para dar a coñecer os roteiros da provincia", isto é, a da camelia, os  fenicios, miradoiros, viño, faros, sendeirismo, entre outras "e atopar o noso propio camiño na provincia de Pontevedra", afirmou Carmela Silva.