Os cociñeiros con Estrella Michelín serán nomeados embaixadores de Rías Baixas

Pontevedra
09 de marzo 2021

Nesta gala, que será o 24 de marzo en Vigo, recibirán esta honra Pepe Solla (Casa Solla), Iñaki Bretal (O Eirado), Pepe Vieira (Pepe Vieira), Yayo Daporta (Yayo Daporta), Javier Olleros (Culler de Pau), Rafa Centeno e Inés Abril (Maruja Limón) e Alberto González Prelcic (Silabario)

Presentación da Gala Provincial do Turismo 2021
Presentación da Gala Provincial do Turismo 2021 / Deputación de Pontevedra

Os responsables dos sete restaurantes que teñen Estrela Michelín na provincia de Pontevedra serán os embaixadores das Rías Baixas durante o ano 2021. Así o anunciou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación dunha nova edición da Gala Provincial do Turismo.

Nesta gala, que será o 24 de marzo en Vigo, recibirán esta honra Pepe Solla (Casa Solla), Iñaki Bretal (O Eirado), Pepe Vieira (Pepe Vieira), Yayo Daporta (Yayo Daporta), Javier Olleros (Culler de Pau), Rafa Centeno e Inés Abril (Maruja Limón) e Alberto González Prelcic (Silabario).

Será, segundo Carmela Silva, un evento "dinámico, con música e con moitas sorpresas" que estará presentado pola actriz Celia Freijeiro. Nel, recibirán os seus diplomas de calidade do SICTED representantes de 136 empresas turísticas da provincia.

 "Queremos mostrar todo o noso apoio ao sector do turismo, o comercio e a hostalería, que ten sufrido un enorme impacto económico, e cremos que este é o momento para homenaxealos e prepararnos para saír desta situación con máis forza", explicou Silva.

A campaña deste ano, "Momentos Rías Baixas", será o fío condutor da gala, que ofrecerá unha viaxe pola provincia e xirará en torno a diferentes experiencias, entre elas a gastronómica nun dos restaurantes que, a partir de agora, serán embaixadores oficiais da provincia.

Todos eles, destacou a presidencia provincial, son o "buque insignia" da gastronomía pontevedresa e sitúan ás Rías Baixas "na vangarda internacional" a partir de pratos nos que "hai un respecto e coidado ao produto" que extraen do mar, da terra e os viñedos miles de produtores, mariscadoras, gandeiros ou agricultores.

Pepe Solla tomou a palabra en nome dos seus compañeiros para agradecer este nomeamento e apuntou que o recoñecemento da súa cociña "é un traballo de todas as persoas que están detrás de nós". Pola súa banda, Iñaki Bretal anotou que "é o momento de axudarnos entre todos a dar xuntos o mellor de nós e facer un destino aínda máis sostible e de calidade".

Os cociñeiros recibirán durante a gala como recoñecemento unha peza de artesanía creada por Ana Tenorio, premio Artesanía de Galicia 2018, e inspirada na camelia das Rías Baixas. 

Carmela Silva fixo fincapé en que na gala aplicaranse todos os protocolos fronte á covid-19, cumprindo "exhaustivamente" as medidas de seguridade, tanto de limitación de aforo como de distancia entre as butacas.

As fotos de familia dos distintos grupos faranse por quendas reducidas, e a asistencia tanto dos premiados como dos alcaldes, alcaldesas e demais autoridades, será con invitación e confirmación expresa para garantir que se cumpre o aforo.

O evento poderá seguirse en streaming na páxina web da Deputación de Pontevedra e a través das redes sociais.