Moraña activa un protocolo para xestionar o lixo de persoas afectadas polo coronavirus

Umia
28 de marzo 2020

Nunha bolsa diferenciada que ten que depositarse no contedor verde, quedando prohibido para calquera recollida selectiva e de reciclaxe. Así deberán recoller o seu lixo naqueles fogares de Moraña nos que haxa algún positivo por coronavirus ou xente en corentena médica

Servizo de recollida de lixo en Moraña Concello de Moraña

Nunha bolsa diferenciada que ten que depositarse no contedor verde, quedando prohibido para calquera recollida selectiva e de reciclaxe. Así deberán recoller o seu lixo naqueles fogares de Moraña nos que haxa algún positivo por coronavirus ou xente en corentena médica.

Así se recolle no protocolo de xestión sanitaria do lixo que aprobou o goberno municipal. Esta normativa, destaca o Concello, está orientada a diminuír ao máximo o risco de transmisión e contaxio do coronavirus entre a poboación.

Todo o lixo dunha persoa enferma ou en corentena -incluíndo as luvas, panos e máscaras- debe depositarse nunha bolsa colocada nun cubo disposto no seu cuarto e que preferiblemente dispoña de tapa e pedal.

A continuación, esta bolsa debe pecharse e introducirse nunha segunda bolsa á saída da estancia na que se recollerán tamén os materiais sanitarios do coidador.

Con ambas pechadas, introduciranse nunha terceira bolsa, a dos residuos domésticos orgánicos, e inmediatamente despois as persoas realizarán unha completa hixiene de mans durante polo menos un minuto.

Esta bolsa de lixo terá que depositarse exclusivamente no contedor verde sen importar, nesta ocasión excepcional, a separación de residuos para a súa posterior reciclaxe. Estará prohibido, polo tanto, que se deposite nos contedores de plásticos e envases, vidro, papel-cartón ou téxtil. Ademais, tampouco se poderá abandonar na vía ou en calquera espazo público.

O Concello de Moraña, que vén de activar este protocolo informativo xa que ostenta as competencias da recollida de residuos no termo municipal, vai informar deste proceso e das súas medidas complementarias de hixiene e desinfección a través das súas canles oficiais.

Tamén abrirá un servizo de atención directa e persoal para a resolución das dúbidas ou cuestións sobre o mesmo que teñan os veciños e veciñas do municipio.