Moraña aposta por plataforma única e calmado de tráfico para humanizar o lugar de Mos

Umia
19 de setembro 2025

As obras de humanización, que se prolongarán durante seis meses, consistirán na construción dunha plataforma única con prioridade peonil ou na dotación de zonas verdes e mobiliario urbano

Obras de humanización no lugar de Mos Concello de Moraña

Xa están en marcha as obras para a recuperación de espazos e a humanización do lugar de Mos, emprazado nas inmediacións do casco urbano de Santa Lucía, e da capela da Concepción.

Estes traballos, que teñen un investimento de 514.000 euros, serán financiados entre a Xunta de Galicia e o Concello de Moraña.

As obras durarán un período de seis meses polo coidado que se debe empregar en certos treitos e actuacións e porque contemplan a renovación de servizos.

Todo o vial da rúa Mos pasará a ter plataforma única de circulación con prioridade peonil.

A actuación incluirá a renovación do seu firme, a instalación de medidas de calmado de tráfico, o aproveitamento dos sobreanchos sen urbanizar existentes ou a modernización dos servizos de saneamento -con separación de augas pluviais e fecais-

Ademais, renovarase o alumeado, que terá novos sistemas de eficiencia enerxética, e toda a zona terá novo mobiliario urbano, bancos, papeleiras e xardineiras.

O alcalde de Moraña, Sito Gómez, destacou que este proxecto busca converter unha zona "con pouco atractivo" para os peóns nun barrio "bonito e confortable" que sirva como punto de encontro para os veciños e "siga mellorando a estética do noso casco urbano".

Por outra banda, esta actuación tamén contempla a mellora do acceso á capela da Concepción.

Será cunha senda que terá un primeiro treito adoquinado, duns 150 metros, seguindo as directrices de Patrimonio e un posterior ata alcanzar os 260 metros con saburra e bordo, o que favorecerá a chegada ao templo.

Ademais, a obra inclúe o acondicionamento dun espazo verde e arborado na zona e as conexións do vial de Mos e da capela con traballos previos realizados nas rúas N-6, N-2 e N-1.

Gómez celebra que con esta obra "imos pechando a nosa trama urbana do casco de Santa Lucía", xa que pola parte traseira da zona chégase ata a explanada do edificio multiusos.