Moraña concederá 85 axudas a autónomos e pemes locais para paliar as perdas pola COVID

Umia
17 de setembro 2020

Entre os sectores do municipio máis afectados figuran, segundo as solicitudes presentadas, os da hostalería e restauración, comercio e salóns de peiteado, aínda que tamén hai negocios relacionados co ensino, o agro e a gandaría, a publicidade, a automoción, a papelería, a axencia comercial, o transporte, a carpintaría ou a albanelería, entre outros

Moraña Concello de Moraña

O Concello de Moraña xa ten a resolución provisional de beneficiarios das 85 axudas económicas municipais a autónomos, microempresas e pemes locais ao abeiro da orde de axudas destinadas a paliar os graves efectos socioeconómicos causados nos seus negocios e actividades pola crise sanitaria da COVID-19 e polos prexuízos ocasionados nos mesmos polos tres meses de Estado de Alarma.

O Concello pechou o prazo de solicitudes a mediados do pasado mes de xullo e procedeu ao baremo e comprobación das solicitudes durante estas semanas.

Neste momento, o Goberno local ten previsto resolver esta aprobación inicial das axudas do programa 'Moraña Actívase' para elevala a definitiva nos vindeiros días co obxectivo de proceder ao pagamento a todos os beneficiarios, que ascende conxuntamente ata os 59.000 euros.

En concreto, concederanse 50 subvencións para autónomos e pemes de Moraña que se viron obrigados ao peche como consecuencia do Real Decreto do 14 de marzo que aprobou o Estado de Alarma por un importe de 900 euros cada unha e outras 35 axudas de 400 euros para aqueles que no mes anterior á solicitude desta subvención viron reducida a súa facturación en polo menos un 50% con respecto á do semestre natural precedente.

Entre os sectores do municipio máis afectados economicamente pola crise sanitaria da COVID-19 figuran, segundo as solicitudes presentadas, os da hostalería e restauración, comercio e salóns de peiteado, aínda que tamén hai negocios relacionados co ensino, o agro e a gandaría, a publicidade, a automoción, a papelería, a axencia comercial, o transporte, a carpintaría ou a albanelería, entre outros.