O Concello de Moraña executará de maneira "inminente" os proxectos de recuperación de espazos públicos na saída cara a Mos, a integración da Carballeira de Santa Lucía, a Rúa 5 e outros seis investimentos en edificios municipais, pistas deportivas e infraestruturas rurais.
Para iso, o goberno local implementará unha partida de 462.000 euros que conseguirá coa aprobación dun expediente de modificación de créditos que vai estar financiado con cargo ao remanente de tesouraría.
O alcalde, Sito Gómez, recoñeceu que a xestión económica realizada ao longo destes anos, ademais dos aforros cos que conta o Concello, "vannos a permitir acometer neste 2025 un amplo e ambicioso plan de investimentos con actuacións que van transformar o noso centro urbano e mellorar as nosas parroquias".
Dentro do expediente está contemplada a incorporación de 260.000 euros ao proxecto de urbanización da contorna de Mos, nas proximidades do futuro aparcadoiro público gratuíto e do Edificio Multiusos.
Esta partida, segundo indican, engadirase aos 257.000 xa consignados até alcanzar un investimento total de 517.000 euros.
Doutra banda, o Concello ten proxectada a reserva dos 70.000 euros que terá que pór para a reordenación e mellora da Carballeira de Santa Lucía e da Rúa 5.
O resto da citada obra de humanización esperan poder financiala co Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra cunha contía total de 450.000 euros.
Ademais, dentro do expediente de modificación de créditos teñen comtemplado o gasto de 22.000 euros para o cambio da cuberta da Escola de Educación Infantil San Lourenzo, 10.000 para a rehabilitación do local social de Penagrande e 56.000 para as pistas polideportivas de Mirallos.
Por último, 11.000 euros irán destinados á recuperación de fontes e lavadoiros de titularidade municipal, 23.000 para a construción de muros de contención en diversos camiños municipais e outros 10.000 para a reconstrución de pontes en pistas locais.