O Concello de Moraña vén de deseñar un amplo proxecto de reordenación de espazos e integración urbana da carballeira de Santa Lucía e a Rúa 5 que conta cun investimento de 450.545 euros e que opta a ser financiado ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra.
Durante a presentación do proxecto, o alcalde, Sito Gómez, destacou que "estamos, sen dúbida, ante a actuación máis ambiciosa e transformadora para a nosa vila".
O alcalde sinalou que vaise actuar, "con moito respecto pero tamén con ambición e con visión de futuro", nun dos puntos centrais da trama urbana de Moraña "cunha aposta decidida pola nosa zona verde máis coñecida e pola creación dunha vila máis amable e confortable para os veciños e máis dinámica no eido socioeconómico sen que iso supoña ningún menoscabo ao tráfico".
Esta actuación, recollida no Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) de Moraña do ano 2019, pretende darlle continuidade ás moitas actuacións de humanización acometidas na vila nos últimos anos e que estanse a desenvolver de xeito paralelo á creación de aparcadoiros públicos céntricos e gratuitos. É o caso do que está a piques de comezar na explanada anexa ao edificio multiusos.
Avanzou que están tentando combinar o feito de contar cunha vila moito máis bonita e agradable para a xente cos necesarios carrís de tránsito e espazos de estacionamento para non causar ningún prexuízo ao dinamismo e xeración económica da localidade. "Con gran esforzo, estamos a conseguilo polo que agardamos que esta obra sexa o culmen deste proceso", detallou o rexedor local.
O proxecto consistirá na humanización da Rúa 5 cun carril de circulación, unha franxa de aparcamentos laterais na marxe dos establecementos e itinerarios peonís, e na recuperación do sustrato da Carballeira e a súa posta en valor de tal xeito que ambos espazos configuraranse como un só "dando resposta ás súas respectivas necesidades".
Paralelamente, procederase á mellora do parque infantil existente coa renovación de xogos deteriorados, a modernización integral das súas instalacións e a colocación de pérgolas para a creación de zonas de sombra para os seus usuarios.
O proxecto, que ten un prazo de execución de catro meses e que podería comezar a finais deste ano ou a comezos de 2026, completarase coa modernización dos servizos existentes na zona, como a rede de pluviais, os firmes e pavimentos, a sinalización e o alumeado público.