Moraña, Portas e Campo Lameiro estrean o seu novo punto limpo móbil

Umia
27 de decembro 2021

Vai funcionar de xeito itinerante con estancias periódicas, que en principio serán semanais, para que os veciños de cada zona depositen os seus residuos, mellorando a reciclaxe, impulsando a separación dos residuos e evitando os vertedoiros incontrolados

Punto limpo mobil de Moraña, Portas e Campo Lameiro
Punto limpo mobil de Moraña, Portas e Campo Lameiro / Xunta de Galicia

A agrupación de concellos conformada por Moraña, Portas e Campo Lameiro xa teñen un novo recurso municipal, un punto limpo móbil co que fomentar a reciclaxe nos seus municipios.

Este punto limpo foi financiado con 90.000 euros pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

Vai funcionar de xeito itinerante con estancias periódicas, que en principio serán semanais, para que os veciños de cada zona depositen os seus residuos, mellorando a reciclaxe, impulsando a separación dos residuos e evitando os vertedoiros incontrolados.

"Queremos liderar a xestión ordenada e sostible do lixo e por iso impulsamos estes puntos limpos móbiles para achegar ao máximo aos cidadáns a posibilidade de que separen axeitadamente os seus residuos", explicou Luis López, delegado da Xunta en Pontevedra.

A estrea deste punto limpo produciuse na Praza do Concello de Moraña, na que estiveron xunto ao alcalde anfitrión, José Cela, os rexedores de Portas e Campo Lameiro, Ricardo Martínez e Carlos Costa.