Moraña recibe preto de 100.000 euros para a renovación das beirarrúas nos polígonos de Afieiras e Mirallos

Umia
25 de maio 2021

Esta liña de axudas destinarase principalmente á renovación e ampliación das beirarrúas destes espazos. A previsión é que as obras estean rematadas o vindeiro mes de outubro

Visita ao polígono industrial de Mirallos
Visita ao polígono industrial de Mirallos / Xunta de Galicia

O Concello de Moraña vén de recibir a nova de que a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, concedeu dúas axudas, por importe de case 100.000 euros, para a modernización dos polígonos industriais de Afieiras e Mirallos.

Estas partidas destinaranse principalmente á renovación e ampliación das beirarrúas destes espazos. A previsión é que as obras estean rematadas o vindeiro mes de outubro.

No polígono de Mirallos realizarase a maior actuación, cun investimento de 74.000 euros dos que case 60.000 están financiados pola Xunta, coa renovación das beirarrúas que se atopan en mal estado e a extensión de treitos incompletos.

No complexo de Afieiras procederase á mellora de zonas de paso peonil das súas vías interiores que están en malas condicións cun orzamento de 43.000 euros, dos que a Vicepresidencia segunda achegará case 35.000.

En total, vaise actuar en nove treitos de ambos recintos empresariais que teñen case 700 metros de lonxitude e unha superficie de máis de 1.500 metros cadrados, "o que repercutirá positivamente na seguridade peonil, a confortabilidade e a imaxe de ambos polígonos e dará continuidade a outras actuacións, como a dotación de firme ás calzadas, realizadas en anos anteriores", manifestaba o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, na visita que realizou a ambos polígonos industriais na compaña do alcalde de Moraña, José Cela.

Finalmente, o delegado territorial destacou o "gran compromiso do Concello de Moraña coa xeración de riqueza e emprego e co asentamento e crecemento empresarial" e exemplificouno na súa integración na iniciativa autonómica Concellos Emprendedores para ofrecer unha baixa fiscalidade e outras vantaxes aos proxectos empresariais.