Moraña recupera o histórico edificio da cámara agraria de Alende

Pontevedra
24 de outubro 2019

O Concello acaba de poñer en marcha os traballos previos á rehabilitación integral do inmoble, que se destinará a uso veciñal, a unha unidade pública de Alzhéimer e ao desenvolvemento de actividades para a terceira idade

Inicio das obras de rehabilitación da cámara agraria de Alende, en Moraña
Inicio das obras de rehabilitación da cámara agraria de Alende, en Moraña / Concello de Moraña

O histórico edificio da antiga cámara agraria de Alende, en Moraña, volverá ter vida. O Concello acaba de poñer en marcha os traballos previos á rehabilitación deste emblemático inmoble da parroquia de Santa Xusta que albergará un centro social equipado cunha unidade pública de atención de alzhéimer.

Estes traballos iniciais consisten na canalización da liña telefónica e en pódaa das árbores que creceron no interior da estrutura. O orzamento do proxecto ascende aos 258.000 euros, financiados 200.000 euros pola Consellería de Política Social.

A alcaldesa de Moraña, Luísa Piñeiro, supervisou este xoves as primeiras actuacións neste edificio e mostrou a súa satisfacción por superar os atrancos que atrasaron o inicio da rehabilitación. "Agardamos que agora todo vaia coa maior celeridade para recuperar un inmoble histórico do noso concello e poñelo canto antes á disposición dos veciños", sinalou tras a visita.

Ademais de actividades veciñais e o centro publico de alzhéimer, neste centro levarán a cabo iniciativas sociais para a terceira idade como eventos de envellecemento activo, encontros interxeracionais, accións de promoción da autonomía persoal ou programas de prevención da dependencia.

O edificio, que mantén a súa fachada de pedra, conta con 217 metros cadrados de planta e está prevista a súa restauración integral ao mesmo tempo que se habilitan as estancias no seu interior a través dunha actuación que respectará a fisionomía do inmoble.

Tras a obra, quedará dotado dun amplo hall de acceso, almacén, despacho, dous aseos e unha sala central de 130 metros cadrados. Ademais deixarase a parte máis elevada ao aire sostida por grandes vigas.