Moraña gañará unha senda para camiñar e pedalear entre Alende e A Espedregueira

Umia
13 de xaneiro 2026

O Consello da Xunta deu luz verde, de maneira provisional, ao proxecto desta actuación na estrada autonómica PO-221. Custará uns 380.000 euros

Travesía de Alende
Travesía de Alende / Concello de Moraña

O treito da estrada autonómica PO-221 que une os núcleos de Alende e A Espedregueira, no concello de Moraña, contará proximamente cunha nova senda peonil e ciclista.

O Consello da Xunta deu luz verde, de maneira provisional, ao proxecto dunha actuación pensada para mellorar a seguridade viaria e fomentar unha mobilidade máis sostible na zona.

A iniciativa suporá un investimento autonómico próximo aos 380.000 euros, unha contía que inclúe tamén a adquisición dos 28 predios necesarios para facer realidade as obras.

A actuación permitirá que peóns e ciclistas poidan desprazarse de forma máis cómoda e segura ao longo deste treito da PO-221, desde o núcleo de Alende ata a intersección coa estrada provincial EP-0018, xa na Espedregueira.

A senda, de carácter mixto, discorrerá pola marxe dereita da estrada e terá unha lonxitude algo superior ao medio quilómetro. Contará cunha anchura de 2,02 metros, bordo incluído, suficiente para garantir unha circulación fluída e confortable para os distintos usuarios.

Ademais, o proxecto aproveita o espazo entre o novo itinerario e a calzada para instalar unha rede de sumidoiros que mellorará a drenaxe da vía.

Outro dos elementos destacados da intervención é a creación dunha gabia de seguridade entre a senda e a actual plataforma da PO-221. Esta franxa non só incrementará a protección dos usuarios, senón que tamén permitirá absorber, no futuro, unha posible ampliación da estrada autonómica.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé someter o proxecto a información pública nas vindeiras semanas, especialmente para os efectos expropiatorios. O prazo para a presentación de achegas será dun mes.

Se se cumpren os prazos previstos, o proxecto definitivo podería aprobarse no primeiro trimestre de 2026, paso previo á convocatoria das actas previas de expropiación, á supervisión do proxecto construtivo e á licitación das obras.

As actuacións estarán financiadas integramente pola Xunta de Galicia e o prazo de execución estimado das obras é de nove meses, un tempo tras o cal Moraña contará cun novo itinerario seguro e accesible para peóns e ciclistas.