A Xunta colaborará na construción dunha residencia pública de maiores en Moraña

Umia
18 de decembro 2025

A administración local terá que facilitar os terreos á Xunta e promoverá unha senda entre o casco urbano e a Pontenova para completala cunha área recreativa con distintos elementos de lecer

Alfonso Rueda e Sito Gómez
Alfonso Rueda e Sito Gómez / Concello de Moraña

O alcalde de Moraña, Sito Gómez, anunciou que a Xunta de Galicia colaborará na construción dunha residencia pública para persoas maiores no municipio e para o desenvolvemento do proxecto natural da Pontenova.

Este compromiso foi trasladado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda no transcurso da súa reunión co rexedor local que agradeceu a "sensibilidade e compromiso" do titular do Goberno autonómico con Moraña e o seu apoio para sacar adiante estas dúas iniciativas, que  calificou de "fundamentais para o futuro e o desenvolvemento do concello".

No caso da residencia da terceira idade, Sito Gómez anunciou a intención do Concello de concorrer á convocatoria da Xunta para a construción de 24 centros en toda Galicia e recibíu o apoio do presidente autonómico, posto que Moraña cumprirá co principal requisito, que é a posta a disposición do Goberno galego dos terreos necesarios.

Neste senso, o alcalde morañés explicou que xa dispón da parcela coas dimensións requeridas e que actualmente estase traballando en certos axustes urbanísticos.

"Expliqueille ao presidente Rueda que Moraña é o principal referente no eido dos Servizos Sociais do norte da provincia coa Unidade Alzhéimer, o centro de Apacaf, as medidas de conciliación gratuítas ou o gran funcionamento do departamento municipal, polo que a residencia sería pechar o círculo e tería todo o sentido do mundo que unha se construíse no noso concello", apreciou Gómez.

Por outra banda, o outro gran proxecto que acometerá a Xunta será a conexión da Pontenova co casco urbano de Santa Lucía a través dunha senda peonil de case un quilómetro desde o tanatorio e o acondicionamento integral e dotación de servizos a esta contorna anexa ao encoro do río Umia. 

Esta actuación, inclúe o citado paseo natural ata este espazo, dando continuidade aos traballos que xa se están a realizar e que pretenden conectar toda esta zona de Moraña ata Ponte Taboada, e a construción de diversas instalacións de lecer integradas na contorna.

"O proxecto da Pontenova é unha vella ambición que temos en Moraña e que ten a súa complexidade, pero témolo moi traballado e agora, co apoio económico da Xunta, imos facelo realidade e vai ser un referente natural e lúdico de gran importancia para o noso concello", concluíu o alcalde. 

O presidente da Xunta e o alcalde de Moraña
O presidente da Xunta e o alcalde de Moraña     Concello de Moraña