Moraña vístese de festa para celebrar un Nadal cheo de música, cultura e ilusión. Un ano máis, o Concello, xunto cos comerciantes, artesáns e artistas locais, prepara unha ampla programación pensada para todos os públicos, que encherá as rúas e espazos culturais de actividade desde mediados de decembro ata o Día de Reis.
Logo do pistoletazo de saída coa inauguración do alumeado, o Belén artesanal e a Feira de Nadal, a cultura terá tamén un papel protagonista. O venres 19 de decembro, ás 20:00 horas, inaugúrase no Edificio do Multiusos a exposición de pintura de Marisa Redondo, titulada “O mar que me habita”. Unha hora máis tarde, o alumnado da Escola Municipal de Música ofrecerá un concerto no mesmo espazo, cun repertorio no que predominará a música tradicional de Nadal.
A maxia chegará o sábado 20 coa visita de Papá Noel, que viaxará desde Laponia ata Moraña para alegría dos máis pequenos. Entre as 17:00 e as 18:30 horas estará na Aldea de Nadal, acompañado dos seus inseparables amiguiños, recollendo cartas e ilusións. Despois, percorrerá os comercios e negocios de Santa Lucía.
O teatro continuará o domingo 21 de decembro, ás 20:00 horas no Multiusos, coa representación da comedia “Prescrición facultativa”, de Charo Valcárcel, a cargo do grupo Amileños e baixo a dirección de Manuel Solla.
Os máis cativos tamén terán o seu espazo creativo cun obradoiro infantil de xoguetes elaborados con material de refugallo na Casa de Cultura. Será o luns 22, ás 17:00 horas, para nenos de 2 a 5 anos, e o martes 23, á mesma hora, para idades de 6 a 10 anos. As prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente na Biblioteca.
A diversión continúa o venres 26 de decembro, ás 20:00 horas no Multiusos, co espectáculo de maxia “TIN”, do mago Dani García, unha proposta chea de inventiva, humor e clown na que as risas están garantidas.
O domingo 28 de decembro celebrarase o Certame de Fin de Ano no patio da Casa de Cultura, a partir das 19:00 horas. Unha tarde musical coa participación das agrupacións locais Airiños de Amil, Banda de Música Nova Lira de Moraña, Coral Voces Amigas, Chinguilipé, Coral Cánticos de Amil, Ecos da Terra e Bétula Péndula, que despedirán o ano cun gran nivel artístico.
O teatro musical infantil chegará o luns 29 de decembro, ás 20:00 horas no Multiusos, da man de Fran Rei e Félix Rodríguez co espectáculo “Sabor a Nadal”, unha proposta cómica que mestura música, maxia e humor coa participación do público.
A rapazada de 11 a 17 anos poderá celebrar a súa propia Festa de Fin de Ano o martes 30 de decembro na Casa de Cultura, a partir das 21:00 horas, coa animación do DJ Paco Vulcano. Tamén neste caso é preciso inscribirse previamente na Biblioteca. Xa de madrugada, tras as badaladas, haberá Baile de Aninovo a partir da 01:00 horas, amenizado polo DJ Josinho nunha carpa situada no patio traseiro da Casa de Cultura.
O broche final chegará o luns 5 de xaneiro coa esperada visita dos Reis Magos, que percorrerán todas as parroquias do concello co seguinte horario aproximado: ás 15:40 horas comezarán no Campo de Lebón, O Covelo (15:45), Campo da Festa de Albergueria (15:55), Igrexa de Saiáns (16:10), Igrexa de Rebón (16:35), Soar (17:00), Cosoirado-cemiterio (17:15), Capela dos Milagres de Amil (17:50), Casa Giao (18:10), Marquesina de Paraños (18:20), Molina-Alende (18:35), Parque da Bouza (18:50), Carballeira de Santa Xusta (19:10), Trambosrios (19:25), Querguizo (19:35), Marquesina de Penagrande (19:40), Pumariño (19:45), Carballeira do Souto (20:00).
A partir das 20:20 horas, a Cabalgata desfilará polas rúas de Santa Lucía acompañada pola Banda de Música Nova Lira de Moraña. Ao remate, na Aldea de Nadal, os nenos e nenas poderán entregar as súas cartas a Melchor, Gaspar e Baltasar, mentres o Concello convidará a chocolate con rosca a todas as persoas asistentes.