Moraña xa vive o ambiente do Nadal coa presentación dunha ambiciosa e variada programación deseñada para toda a familia.
Desde o acendido das luces ata a chegada dos Reis Magos, o municipio prepárase para días de ilusión e eventos que prometen facer destas festas un momento inesquecible.
O pistoletazo de saída terá lugar estesábado 6 de decembro ás 19:00 h. coa inauguración do alumeado navideño na Aldea de Nadal, situada na Carballeira de Santa Lucía.
A Banda de Música Nova Lira de Moraña amenizará o acto, que estará acompañado dunha chocolatada para todos os asistentes. Acto seguido, no Multiusos, inaugurarase a VII edición do Belén artesanal, este ano baixo o título "Imperium do Nadal", que representará Xudea e Galicia, obra da Asociación de Mulleres Rurais de Moraña.
O domingo 14 de decembro, a partir das 16:00 h., a carpa a carón do Multiusos acollerá a II Feira de Nadal de Moraña, onde comerciantes, artesáns e artistas locais ofrecerán os seus produtos.
A cultura continuará o venres 19 de decembro, cunha dobre cita: ás 20:00 h., no Multiusos, inaugurarase a exposición de pintura da artista morañesa Marisa Redondo, "O mar que me habita"; e ás 21:00 h., tamén no Multiusos, o alumnado da Escola Municipal de Música (ESMU) ofrecerá un concerto de música tradicional.
A ilusión dos máis pequenos estará garantida coa visita de Papá Noel o sábado 20 de decembro.
Chegará dende Laponia á Aldea de Nadal (de 17:00 a 18:30 h.) para recibir as cartas e compartir alegría cos nenos e nenas, acompañado dos seus máxicos amiguiños. Despois, percorrerá os comercios de Santa Lucía.
O domingo 21 de decembro, ás 20:00 h. no Multiusos, o grupo Amileños presentará a comedia "Prescripción facultativa" de Charo Valcárcel, dirixida por Manuel Solla.
Os luns 22 e martes 23 de decembro, a Casa de Cultura acollerá obradoiros infantís de xoguetes con material de refugallo, con prazas limitadas e inscrición previa na Biblioteca.
A programación continúa o venres 26 de decembro, ás 20:00 h. no Multiusos, co espectáculo de maxia inventiva e clown "TIN" do mago Dani García.
O domingo 28 de decembro, ás 19:00 h. no patio da Casa de Cultura, o Certame de Fin de Ano despedirá o ano con actuacións musicais das agrupacións morañesas Airiños da Amil, Banda de Música Nova Lira de Moraña, Coral Voces Amigas, Chinguilipé, Coral Cánticos de Amil, Ecos da Terra e Bétula Péndula.
O luns 29 de decembro, ás 20:00 h. no Multiusos, Fran Rei e Félix Rodríguez presentarán "Sabor a Nadal", un espectáculo cómico con música, maxia e humor.
E para os cativos, o martes 30 de decembro, a Casa de Cultura acollerá a Festa de Fin de Ano para rapaces de 11 a 17 anos, co DJ Paco Vulcano a partir das 21:00 h. (inscrición previa na Biblioteca).
O 1 de xaneiro de 2026, a partir da 01:00 h., o ano novo será recibido cun Baile de Aninovo amenizado pola Disco Móbil do DJ Josinho nunha carpa no patio traseiro da Casa de Cultura.

Finalmente, a data máis esperada polos cativos, o luns 5 de xaneiro, traerá a Cabalgata dos Reis Magos.
Percorrerán todas as parroquias do municipio desde as 15:40 h., rematando coa cabalgata polas rúas de Santa Lucía a partir das 20:20 h., acompañados pola Banda de Música Nova Lira de Moraña.
Ao finalizar, os nenos poderán entregar as súas cartas na Aldea de Nadal, onde o concello convidará a chocolate con rosca a todos os asistentes.