O grupo municipal do PP en Pontevedra reclama ao goberno local que atenda as peticións da plataforma Crematorios Non - Pontevedra Leste para que sente a negociar coa empresa que promove o forno crematorio en San Mauro.
O portavoz popular, Jacobo Moreira, lamenta que despois de cen días do novo mandato, Fernández Lores non mostrase disposición a sentar cos veciños afectados pola posible instalación do forno crematorio na zona da Parda.
O líder do Partido Popular en Pontevedra sinala que hai dous anos e medio o seu grupo propuxo a instalación do forno crematorio no polígono industrial da Reigosa, ao entender que esta parcela cumpría coas condicións idóneas para a súa localización, ao estar situada a máis de 500 metros do núcleo de vivendas, segundo indican os populares.
Jacobo Moreira que acudiu ao acto de inauguración destas instalacións en Ponte Caldelas lamenta que aquela petición non fose atendida e considera que a posta en marcha do crematorio da Reigosa confirma que o tempo lles deu a razón.
Moreira afirma que tamén o PSOE debería dar a cara porque foi o anterior portavoz socialista, Antón Louro, quen favoreceu que a empresa Funespaña poida construír o forno na Parda.